O Barcelona inscribe a Ricky Rubio na ACB e na Euroliga
O ex-xogador da NBA levaba unha semana adestrándose co equipo

O Barcelona vai inscribir a Ricky Rubio para xogar o que resta de temporada. Ricky levaba unha semana adestrándose ás ordes de Roger Grimau e non pisaba unha pista desde o pasado mes de xullo.
Este mércores remataba o prazo que outorga a Euroliga para inscribir xogadores, e o Barcelona, co visto e prace de Ricky, devolve o base de Masnou ao primeiro plano da actualidade. Euroliga, ACB, e ata podería disputar a Copa do Rei. Ricky Rubio deixa atrás os seus problemas mentais e quere volver gozar co baloncesto.
Aos 33 anos e logo de 12 campañas na NBA, Ricky regresa a Europa e volve ao equipo do que marchou para ir á considerada como mellor liga do mundo. Co Barcelona gañou a Euroliga en 2010, así que o lugar a onde regresa é ben coñecido, preto da súa casa e da súa familia.