O 2024 perfecto de Lucas Pérez
O dianteiro do Deportivo rematou a temporada con 15 goles e 19 asistencias, case todos desde o mes de xaneiro
Castalia supuxo unha das meirandes decepcións na carreira deportiva de Lucas Pérez. Alí foi onde o ano pasado quedou o Deportivo sen posibilidade de regresar á Segunda División. Un ano despois cambiou o rumbo da historia dun xeito radical co título na final de campións de Primeira RFEF.
Lucas marcou tres goles e deu dúas asistencias nesta final. Participación directa en cinco dos seis goles que marcou o Dépor na final (6-3 resultado global). Non foi máis que un reflexo de todo o campionato, sobre todo desde o mes de xaneiro cando o de Monelos se destapou como o xogador máis determinante da categoría.
Os seus números abraian: 15 goles, 19 asistencias no campionato. Un gol máis si engadimos o partido de Copa. Participou en 34 goles. Os quince goles marcounos nos últimos cinco meses e iso que estivo varias semanas apartado do terreo de xogo por unha lesión da que agarda recuperarse de xeito total neste descanso vacacional.
Para engadir outro fito hai que lembrar que marcou o gol no partido contra o Barcelona Atlètic que lle deu o ascenso ao Deportivo na antepenúltima xornada do campionato. Un 2024 para enmarcar do cadro coruñés e, en especial, do seu referente e capitán.