Mastantuono e Joan García axitan o mercado do Real Madrid e Barcelona
O xogador arxentino asina ata o 2031 polo Real Madrid que pagou 63 millóns de euros
O Barcelona non fixo oficial a incorporación do porteiro pero todo apunta a que xa pagou a cláusula
O Real Madrid e o Barcelona axitan o mercado de fichaxes. O equipo de Xabi Alonso fai unha forte aposta pola promesa máis forte do fútbol arxentino, Franco Mastantuono. De só 17 anos, o diamante do River Plate será xogador do equipo branco unha vez remate o Mundial de Clubs. O Real Madrid paga 63 millóns de euros e asegura a Mastantuono ata o ano 2031.
O París Saint Germain tamén estaba detrás dun xogador que foi a gran sensación do último campionato arxentino. A comparación con Lamine Yamal pola súa idade e o seu xeito de xogar ao fútbol volverá a poñer no epicentro o fútbol español.
Non é oficial pero as informacións apuntan a que o Barcelona xa depositou os 25 millóns de cláusula de Joan García que cambiará Cornellá polo Camp Nou noutro movemento pouco agardado hai unhas semanas. Co futuro de Ter Stegen no aire o Barça buscaba reforzar unha posición estratéxica.
O canteirán do Español tardou en irromper no primeiro equipo, pero desde a chegada do técnico de Folgoso do Courel Manolo González converteuse en titular indiscutible baixo os paus do cadro españolista. A temporada pasada, na súa estrea en Primeira División, xogou todos os partidos e as súas actuacións acadaron o recoñecemento unánime no fútbol europeo.