Manu, a terceira xeración da familia Fernández que debuta no Celta
O seu avó, Fernández Amado, xogou nos anos setenta e o seu pai, Manel, nos noventa
Manu Fernández Arroyo debutou en Primeira no partido diante do Mallorca
Manu Fernández Arroyo (23-4-01) protagonizou un fito na historia do Celta. É o terceiro membro da familia Fernández que xoga coa camisola celeste en Primeira División. Debutou como central no partido que o club vigués disputou no campo de Son Moix e estivo 63 minutos no campo, ata que foi substituído por Javi Rodríguez.
O seu avó, Fernández Amado (1950), chegou ao Celta en 1971 procedente do Rácing de Ferrol. Xogou durante catro temporadas. Máis de cen partidos ata que en 1975 foi fichado polo Español onde realizou unha brillante carreira. O seu fillo, Manel Fernández Anidos (1972) naceu cando xa xogaba no Celta. Viviu o fútbol desde moi pequeno e acabou nas categorías inferiores do club vigués despois de iniciarse no Rácing. Tivo un paso importante no Celta Turista e debutou no primeiro equipo na temporada 1993-94 pero non chegou a consolidarse.
O terceiro da familia é Manu Fernández. Tivo que traballar moito para chegar á Primeira División. Xogou nas categorías inferiores do Rácing, do Alavés e acabou no Celta, ao igual que o seu avó e o seu pai. Pasou polo Gran Peña, na Terceira División, e Claudio confiou nel como defensa para o Celta Fortuna. Deixou de ser sub-23 e este ano ten ficha do primeiro equipo.