Malleira de pretemporada do Deportivo á Ponferradina (7-1)
Aos 27 minutos xa gañaba por 5-0 nun partido moi atinado dos coruñeses
O Deportivo mallou na Ponferradina (7-1), un resultado impropio aínda que fose un partido de pretemporada. Sobre todo cando o rival é un equipo de superior categoría.
Antes do minuto 6 Quiles xa marcara un dobrete que condicionou de xeito total o enfrontamento. O Deportivo xerou moitas ocasións na primeira metade e os goles foron caendo a ritmo de vertixe. Gorka Santamaría anotou o terceiro e repetiu nunha xogada en que desviou un lanzamento de Quiles. No 27 Narro transformou un penalti cometido sobre el mesmo e asubiado por Alberto Casal, adestrador de porteiros do cadro coruñés e que tivo que facer de árbitro circunstancial na primeira metade.
No segundo tempo, coa multitude de trocos, parecía baixar o ritmo. Pero os máis novos tamén tiveron a súa dose de protagonismo. O australiano Caroutas culminou unha gran xogada de Mella e Martín Ochoa, aínda xuvenil, marcou o sétimo. A Ponferradina recurtou diferenzas cun tando de José Naranjo.