Lucas marcou o camiño, e a nova xeración tirou co muro da 1.ª RFEF
Catro anos no inferno da terceira categoría do fútbol español remataron para o Deportivo
O capitán Lucas Pérez tivo un papel estelar con 12 goles e 17 asistencias
O 12 de agosto de 2020 o Deportivo xogou o seu último partido no fútbol profesional. Catro anos despois, regresa á elite co décimo segundo gol de Lucas Pérez. O Deportivo, que comezou 2024 a nove puntos do líder, proclámase campión de grupo a dúas xornadas de que remate a liga.
Dende que perdera aquel encontro no Reino de León o 14 de xaneiro, sumou catorce vitorias e tres empates. Unha segunda volta espectacular que deixa en mal recordo a praza de descenso da oitava xornada. Se supera sen perder as dúas citas que ten pendentes, asinará a mellor xeira da súa historia.
Empurrado por unha masa social de vinte e nove mil abonados, o equipo coruñés sae por fin do seu burato deportivo máis fondo: catro temporadas na terceira categoría do fútbol español. Non hai horas dabondo na Coruña para tanta celebración. O Deportivo, un dos nove campións históricos da Liga, xogará o ano que vén en Segunda División.