Publicador de contidos

Publicador de contidos

León XIV: "Non podemos acostumarnos a contar mortos, a dignidade humana non ten pasaporte"

León XIV: "Non podemos acostumarnos a contar mortos, a dignidade humana non ten pasaporte"

O pontífice coñece en primeira persoa a realidade migratoria

Tito Villarmea, de Celeiro, capitán de Salvamento Marítimo, narrou que o seu equipo rescatou do mar máis de 20.000 persoas, "unha cifra que doe"

As illas convértense en destino papal por primeira vez na historia

"É obra do arquitecto de Deus": o papa bendice a Torre de Xesús da Sagrada Familia no centenario da morte de Gaudí

León XIV recolle da man de dous migrantes unha coroa de flores que lanzou á auga no porto de Arguineguín, en recordo dos que faleceron no mar (Reuters/Yara Nardi)
G24.gal 11/06/2026 08:32 Última actualización 11/06/2026 14:54

"Non podemos acostumbrarnos a contar mortos, a dignidade humana non ten pasaporte", dixo o papa León XIV no peirao grancanario de Arguineguín, lugar de chegada de milleiros de migrantes nos últimos anos. 

Nese lugar o pontífice asegurou que "a Igrexa non pode permanecer muda ante quen son abandonados" no mar, durante o seu discurso no peirao de Arguineguin das Palmas de Gran Canaria, onde chegou para poñer o foco sobre o drama da migración.

Alí criticou a Europa, e a súa política migratoria, porque "non se pode falar de dignidiade e deixar que os mares sexan cemiterios sen lápidas", dixo.

Tamén se dirixiu á comunidade internacional porque "non basta con xestionar chegadas, distribuir cifras, reforzar fronteiras ou lamentar mortes cando xa ocorreron".

Na súa alocución, o papa dixo esperar que a voz dos dramáticos testemuños que este xoves falaron no porto chegue "a quen ten nas súas mans responsabilidades decisivas".

"Cada barca que chega non trae só migrantes; trae consigo unha pregunta: que mundo construímos, se tantos irmáns teñen que arriscar a morte para buscar vida?".

Tamén exhortou as nacións de orixe a crear "condicións de paz, xustiza e desenvolvemento" e aos países de tránsito chamounos "a protexer e non a deixar os débiles en mans de redes criminais".

Pero enviou ademais unha mensaxe á Igrexa, á que subliñou que "a acollida do migrante non pode ser algo secundario nin delegada unicamente a algúns voluntarios". "Non podemos pasar de longo ante os caiucos e as barcas", resaltou.

O pontífice tamén subliñou que "a dignidade humana esixe vías legais e seguras, rescate e asistencia, cooperación real contra os traficantes, protección efectiva ás vítimas, procesos serios de acollida e integración, e políticas que permitan a cada persoa vivir con dignidade na súa propia terra".

"Non podemos acostumarnos contado mortos. A dignidade humana non ten pasaporte nin perde valor ao cruzar unha fronteira", clamou desde o peirao.

O papa despediuse cunha advertencia: "Aquí, xunto ao mar, cada vida que chega pregúntanos que queda da nosa humanidade. Tarde ou cedo, saberase se soubemos custodiala ou se deixamos que a indiferenza falase por nós". 

En Arguineguín escoitou o testemuño de migrantes de África e Latinoamérica e reuniuse con voluntarios e entidades vinculadas á atención humanitaria.

O bispo das Canarias, José Mazuelos, agradeceu ao papa a súa presenza no peirao de Arguineguín porque, dixo, "non é un xesto máis", senón un "recordatorio de que ninguén é invisible, de que cada vida conta, e de que a indiferenza non pode ser nunca a resposta".

O pontífice estadounidense, o primeiro que visita estas illas, arribou desde Barcelona a Gran Canaria "onde chegan tantas vidas feridas, desposuídas de case todo, pero nunca da súa dignidade" e deixou claro que a Igrexa non debe calar ante ese drama.

O primeiro en tomar a palabra no peirao foi o galego Tito Villarmea, de Celeiro, capitán de Salvamento Marítimo na Guardamar Urania, emocionado por falar ante o papa a pesar de estar acostumado "á tensión: naufraxios, noites escuras, voces que esperan a chegada das nosas embarcacións laranxas".

"Hoxe estou aquí convencido de que eles e os meus compañeiros de Salvamento Marítimo meréceno", explicou Villarmea ao relatar que rescataron a máis de 20.000 persoas.

"É unha cifra que doe e que non se esquece", sinalou o capitán.

O capitán, en representación dos máis de 1.600 profesionais de Salvamento Marítimo, quixo terminar cunha mensaxe de esperanza: "Oxalá nunca máis tivésemos que rescatar a ninguén. Traballemos como sociedade para que este drama diminúa e para construír un mundo máis xusto".

Despois, María Reyes Alemán, voluntaria de Cáritas, deu voz ás dificultades do seu traballo de axuda aos migrantes. "Máis alá do cansazo visible nos seus corpos, impactábanos a mestura de incerteza e esperanza que traían consigo. Doíanos o seu drama humano e sentiamos que non alcanzabamos a comprender toda a magnitude do que estaba a ocorrer", declarou.

E María Reyes lanzou unha mensaxe: "Cada persoa que chega non é un problema que resolver, senón unha historia que abrazar e acompañar".

Unha voluntaria leu un testemuño dunha muller nixeriana vítima de trata, que por motivos de seguridade non estivo persoalmente no encontro co papa.

"Chámome Ayo. Son de Nixeria. Veño dunha familia de oito irmáns, e desde moi pequena aprendín o que significa loitar cada día só para sobrevivir. Non me fun do meu país porque quixese. Fun porque non había outra saída", manifestou.

No testemuño, Ayo conta que deixou Nixeria para poder dar unha vida mellor ás súas dúas fillas pero a mafia levouna a un lugar onde lle fixeron un ritual, o "yuyu": "Dixéronme que tiña unha débeda de 25.000 euros que debía pagar cando chegase a Europa. Así empezou o meu cativerio".

"Esperei seis meses para poder saír. Seis meses sen apenas comer, sen poder bañarme durante semanas, vivindo en condicións que non desexaría a ninguén. E cando chegou o momento de cruzar o mar, vin como as persoas que saíron antes que nós ese mesmo día morreron afogadas", segue o testemuño.

Conseguiu chegar a España, quedou embarazada dun traficante, quitáronlle o bebe e obrigárona a prostituírse.

"Cando a policía detivo a quen me tiña presa, e por fin puiden terlle comigo. Desde entón, coa axuda de la Igrexa a través das traballadoras sociais, a vida empezou a cambiar. Aos poucos", continuou a voluntaria, que non puido conter o pranto durante a lectura.

Neste acto, en representación de todos os migrantes que chegan a España, estaba María Fernanda López Meza, unha colombiana que chegou ás Palmas de Gran Canaria en 1997 e despois de pequenos traballos logrou fundar a súa propia empresa: "Puiden cumprir un soño que parecía imposible cando durmía na rúa".

María Fernanda López Mesa pediu que "as xestións e trámites para quen chega sexan cada vez máis humanos e áxiles". "Grazas Gran Canaria por tanto", concluíu. 

O papa León XIV inicia así en Gran Canaria a última etapa da súa viaxe por España. Esta visita converte as Illas Canarias en destino papal por primeira vez na historia. Contra as 08:30 partiu desde o aeroporto internacional Josep Tarradellas Barcelona-O Prat e chegou á base aerea de Gando, nas Palmas de Gran Canaria, contra as 11:45.

León XIV foi recibido polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez; o presidente da comunidade autónoma, Fernando Clavijo; e os ministros Félix Bolaños, Margarita Robles e Ángel Víctor Torres; así como polo bispo de Canarias, José Mazuelos; e o seu bispo auxiliar, Cristóbal Déniz.

Realiza así a visita soñada polo seu antecesor, o papa Francisco, que desexaba acudir ás illas para achegarse á realidade do fenómeno migratorio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade