Italia inicia os controis a persoas non europeas procedentes de España
O Goberno de Meloni activou a vixilancia tras suspender de xeito temporal o acordo Schengen
A líder ultradereitista pide "reforzar as fronteiras exteriores" nunha carta asinada por outros 22 países
Italia comezou este sábado a aplicar en aeroportos e portos marítimos os controis aleatorios a persoas procedentes de España, tras a decisión do Goberno de Giorgia Meloni de suspender temporalmente o acordo Schengen pola crise migratoria de Ceuta.
No aeroporto romano de Fiumicino, cunha media de 55 voos diarios desde España na tempada de verán, EFE constatou a entrada en vigor destes controis coincidindo coa chegada de avións comerciais procedentes de cidades como Madrid, Barcelona ou Málaga.
O Executivo italiano vai vixiar, durante todo o mes, se as persoas de terceiros países procedentes de España contan coa domuntación axeitada para viaxar dentro do espazo Schengen co argumento de "protexer a seguridade nacional".
Reforzo das fronteiras exteriores
A líder ultradereitista italiana volveu facer referencia á crise migratoria de Ceuta na rede social X para reclamar "a urxencia dunha resposta europea á inmigración irregular".
"Este é un sinal importante: a postura que Italia defendeu durante moito tempo é compartida agora por un número crecente de nacións europeas. A defensa das fronteiras exteriores da Unión non é interese dunha soa nación. É unha responsabilidade compartida de Europa", sinala a súa mensaxe.
Tamén este sábado, Meloni impulsou xunto á súa homóloga de Dinamarca, Mette Frederiksen, unha carta asinada por outros 22 países comunitarios na que lle pide a Bruxelas unha reunión dos ministros do Interior para coordinar o reforzo das fronteiras exteriores.