Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel intensifica os ataques contra Gaza

Israel intensifica os ataques contra Gaza

Sesenta mortos en dous días tras os ataques israelís

A ONU alerta da situación dramática na Franxa

O exército hebreo bombardea unha casa de Jabalia e mata unha vintena de gazatís
G24.gal 25/04/2025 08:27

Un novo bombardeo sobre Gaza deixou nas últimas horas preto dunha vintena de mortos e varios desaparecidos. Nos últimos dous días, 60 gazatís morreron polos ataques israelís. A ONU alerta de que a situación na Franxa é dramática.

Israel intensificou nos últimos días os ataques contra a Franxa. O último, contra unha casa familiar da localidade de Jabalia, na que se refuxiaban desprazados pola guerra. Tamén atacaron esta semana unha comisaría, onde supostamente, segundo Israel, se escondían terroristas de Hamas, e unha escola onde se refuxiaban civís. 

Desde que o Goberno de Netanyahu rompera o alto o fogo o pasado 18 de marzo, uns 2.000 gazatís morreron polos ataques do exército hebreo. Lonxe de escoitar os chamamentos a retomar as negociacións, Netanyahu ameazaba nas últimas horas con intensificar a ofensiva israelí se non se avanza na liberación dos reféns que aínda están en poder de Hamas. 

Onte, nunha mensaxe televisada, o presidente palestino Mahmud Abbas pediulle a Hamas que ceda a súa responsabilidade sobre Gaza, que entregue as armas e devolva os 59 reféns israelís para poñer fin á guerra de exterminio, dixo, de Israel no enclave. 

A situación na Franxa é cada día que pasa máis dramática. Os continuos bombardeos obrigaron a 420.000 gazatís a verse forzosamente desprazados. A ONU denunciaba onte que, desde hai 50 días, Israel bloquea totalmente a entrada de alimentos e de axuda humanitaria na Franxa. 

Trinta e sete hospitais están fóra de servizo tras os ataques hebreos. Nin sequera as ambulancias teñen combustible para atender as emerxencias. 
Desde o inicio da guerra, o 7 de outubro de 2023, máis de 51.300 palestinos morreron nos ataques israelís contra Gaza, a maioría mulleres e nenos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade