Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nove feridos, dous deles graves, no incendio dun cuarto dunha residencia de Monforte

Nove feridos, dous deles graves, no incendio dun cuarto dunha residencia de Monforte

Unha das hipóteses coa que traballan os investigadores é que o lume o provocara un cigarro mal apagado

Todos os residentes tiveron que ser evacuados mentres se realizaron as tarefas de extinción e ventilación

G24.gal 01/09/2026 10:40 Última actualización 01/09/2026 14:47

A policía investiga as causas do incendio na residencia de maiores DomusVI de Monforte. Hai dous feridos graves, dous residentes que tiveron que ser trasladados á unidade de queimados do Chuac.

Ao parecer trátase dos dous usuarios que estaban na habitación en que empezou o lume, e que quedaron atrapados entre as lapas. Ambos teñen queimaduras no corpo e foron trasladados á Coruña, onde permanecen con prognóstico reservado.

Houbo que atender ademais outras sete persoas por inhalación de fume, tres residentes e catro profesionais do centro, pero todos foron xa dados de alta. En total foron nove feridos nun incendio que está investigando a Policía Nacional, que estivo aquí recollendo pegadas.

Unha das hipóteses coas que traballa é que o lume o provocara un cigarro mal apagado. A esta hora a residencia funciona con normalidade. Os bombeiros refrescaron e ventilaron durante a tarde toda a primeira planta que, de momento, permanece baleira.

Segundo a información do 112 Galicia, o suceso produciuse minutos despois das 08:00 horas deste martes cando un traballador alertou de que saía fume dunha dos cuartos da primeira planta. Ademais, indicou que sacaron aos ocupantes da estancia e necesitaban asistencia sanitaria.

Os bombeiros atallaron rapidamente as lapas e procederon a ventilar as instalacións. Todos os residentes tiveron que ser evacuados mentres se realizaron as tarefas de extinción e ventilación.

No operativo tamén participaron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e axentes da Policía Nacional e Local.

As causas do incendio están a ser analizadas e a situación xa está controlada. Ante isto, as mesmas fontes indican que os sistemas de seguridade e protocolos do centro activáronse "correctamente" e a residencia mantén a súa actividade con normalidade. 

"Estamos a seguir de cerca a situación e colaborando en todo momento cos servizos de emerxencia e autoridades", detallaron fontes de DomusVi.

O incendio foi na mesma residencia que leva meses sufrindo un gromo de sarna que afecta a máis de 20 persoas. Agora, traballan para que os 167 usuarios volvan o antes posible á normalidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade