Grandes colas no CHUS para facer PCR sen cita previa
Grandes colas no CHUS para facer PCR sen cita previa
O servizo estenderase aos 14 distritos sanitarios
Galicia aposta por acelerar a vacinación e diagnosticar o maior número de casos posibles. Haberá puntos nos 14 distritos sanitarios para que as persoas asintomáticas vaian facer a proba sen cita previa. Esta tarde xa comezaron a funcionar os da área sanitaria de Santiago e O Barbanza.
A resposta foi masiva como ocorrera anteriormente no punto situado fronte ao Náutico de Vigo e a carón do Hospital Provincial de Pontevedra. En plena explosión de contaxios, Sanidade aposta por este sistema para facer o maior número posible de diagnósticos en persoas asintomáticas.
"Estendelo ao resto de distritos é unha cuestión que se vai facer nestes días en función de como o poida desenvolver cada área sanitaria. Pero ímolos poñer nos 14 distritos", asegura Comesaña.
Na última xornada reduciuse en Galicia a positividade das PCR, de xeito moi significativo na área sanitaria de Vigo onde acadara as porcentaxes máis preocupantes.
"Fai hoxe tres días tiñamos un 22 % de positividade das PCR e hoxe estamos nun 10. Sempre nos aferramos á esperanza de que isto se manteña, pero hai moita incerteza" dixo Javier Puente, xerente da Área Sanitaria de Vigo.
Xunto coa diagnose, a Xunta aposta tamén por incentivar a vacinación e acelerar o proceso de administración das terceiras doses.
"Comezamos a citar os primeiros de menos de 49 anos que teñen postas as dúas primeiras doses de AstraZeneca ou están no período de seis meses despois de recibir a primeira dose" afirma Julio García Comesaña.
O 90 % dos galegos de entre 50 e 59 anos xa teñen posta a terceira dose.