Ferido grave na colisión entre un camión de repartición de bombonas e un todo terreo
O condutor do camión resultou ileso e a carga que transportaba tampouco resultou afectada
Arquivo
Unha persoa quedou ferida de gravidade nun aparatoso accidente de circulación que se produciu á primeira hora da mañá deste venres como consecuencia da colisión entre un camión de repartición de bombonas e un todoterreo no termo municipal de Lugo.
Segundo a información facilitada polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, o accidente produciuse minutos despois das oito da mañá, cando un particular alertou ao 112 da colisión entre o camión e o todoterreo á altura do quilómetro 86 da estrada Nacional 640, á altura da parroquia lucense de Rubiás.
A persoa que avisou o 112 informou de que dentro do coche había unha persoa inconsciente. Por iso, de inmediato, a central de emerxencias solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Lugo e dos servizos de mantemento da estrada.
Posteriormente, desde o mesmo lugar do sinistro, os servizos de emerxencias confirmaron que a persoa ferida fora trasladada en estado grave ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
O condutor do camión resultou ileso e a carga que transportaba tampouco quedou afectada.