Falece un home tras ser atopado semiiconsciente en Lugo
Falece un home tras ser atopado semiiconsciente en Lugo
Aínda que os servizos sanitarios tentaron reanimalo, non puideron facer nada por salvarlle a vida
Un home de 37 anos faleceu o sábado pola mañá en Lugo tras ser atopado semiinconsciente na praza da Liberdade, e aínda que os servizos sanitarios tentaron reanimalo, non puideron facer nada por salvarlle a vida.
De acordo co parte de incidencias da ponte que distribúe a Policía Local de Lugo, sobre as 9:45 horas do sábado, a sala do 092 recibiu información sobre este home que estaba supostamente ebrio e un indicativo da Policía de Barrio desprazouse ata o lugar.
Os axentes localizárono tendido nunha zona axardinada semiinconsciente e sen dar resposta ás preguntas que se lle formulaban, polo que os actuantes colocárono en posición de seguridade e solicitaron unha ambulancia.
O persoal sanitario chegou aos poucos minutos, momento no que o home deixou de responder a estímulos e de respirar e, aínda que realizaron as manobras de reanimación oportunas, finalmente morreu.
A Policía Local logrou localizar un familiar, que compareceu no lugar e confirmou a identidade do falecido, tras o que se iniciaron os trámites necesarios para o levantamento do cadáver.