Publicador de contidos

Publicador de contidos

España reprocha a Italia que non convidase a Sánchez a unha reunión previa ao cumio de Bélxica

España reprocha a Italia que non convidase a Sánchez a unha reunión previa ao cumio de Bélxica

O Goberno español considera que a decisión mina os principios da UE

Foto de familia dos líderes europeos no cumio de Bélxica deste xoves (REUTERS/Murad Sezer) Foto de familia dos líderes europeos no cumio de Bélxica deste xoves (REUTERS/Murad Sezer)
G24.gal 12/02/2026 19:16

Unha reunión de líderes europeos previa ao cume deste xoves dos Vinte e sete, á que non foi convidado o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, provocou o reproche de España a Italia por organizar con Alemaña e Bélxica ese encontro, que cre que mina principios básicos comunitarios.

O presidente do Consello Europeo, António Costa, convocou os xefes de Estado ou de Goberno europeos no castelo de Alden Biesen, na localidade belga de Bilzen, para manter un encontro informal co fin de debater sobre a profundización do mercado único e a mellora da competitividade da Europa comunitaria.

Pero de forma previa, unha vintena de líderes mantiveron un encontro nun hotel próximo ao lugar do cume para coordinar as súas posicións, unha reunión que foi impulsada polo chanceler alemán, Friedrich Merz; a primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, e o seu homólogo belga, Bart de Wever.

A esa cita, ademais dos seus convocantes, asistiron os líderes de Francia, Austria, Dinamarca, Finlandia, Suecia, Grecia, Hungría, Luxemburgo, Países Baixos, Polonia, República Checa, Romanía, Bulgaria, Chipre, Croacia e Eslovaquia.

Por tanto, non estiveron presentes nin Sánchez nin os líderes doutros sete países: Portugal, Irlanda, Estonia, Letonia, Lituania, Malta e Eslovenia.

O encontro estaba centrado en avanzar na "desregulación" e "simplificación" do mercado único, unha liña de acción que vén promovendo Berlín e á que se sumou Roma, con vistas a sacar máis partido á economía europea, entre outras medidas, para reforzar o potencial industrial dos Vinte e sete.

#Ante a ausencia de invitación a Sánchez, fontes do Goberno español informaron de que se puxeron en contacto co de Italia non para pedir que o convidasen, senón para facerlle saber que esa clase de iniciativas minan os principios básicos da Unión Europea.

Nese sentido, consideran que, en lugar de achegar solucións no seo comunitario, afástanas.

Da mesma forma, o Goberno español recalca que Sánchez si asistiu ao encontro que motivou o seu desprazamento a Bélxica, o convocado polo presidente do Consello no castelo de Alden Biesen e no que estiveron representado todos os socios da UE.

Meloni di que Sánchez non se queixou durante o seu encontro

Ante a queixa feita pública por España, o Goberno de Giorgia Meloni informou de que ela e Sánchez tiveron ocasión de intercambiar puntos de vista nas marxes do cume informal, e que nesa conversación o xefe do Executivo español non expuxo ningunha obxección polo feito de non ser convidado á reunión de coordinación previa.

Á súa vez, o Goberno de Pedro Sánchez insistiu ante ese comentario en que non se trata dunha queixa polo feito de non ser convidado, senón polo que considera que supón o feito en si dese encontro á marxe do cume.

Da mesma forma, recalcaron que as canles de comunicación existentes entre os gobernos e mediante os cales se pode transmitir unha queixa non teñen por que ser de forma directa dun xefe de Goberno a outro, senón que son múltiples, habituais e constantes.

As fontes citadas non especificaron os motivos polos que España transmitiu a súa queixa a Italia e non aos outros dous países organizadores da reunión, Alemaña e Bélxica.

Meloni fíxose eco nas redes sociais dese encontro para explicar que se trata dun novo grupo de traballo informal dedicado aos temas da competitividade europea.

Ademais, informou de que os participantes nesa reunión acordaron volver verse á marxe do Consello Europeo de marzo que se celebrará en Bruxelas para manter a atención centrada nos temas da competitividade e contribuír á definición de obxectivos concretos e prazos precisos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade