Empate na montaña rusa de Riazor (2-2)
Quiles adiantou o Deportivo, remontou a Cultural e empatou Yeremay a catro minutos do final
O equipo de Óscar Cano puxo o fútbol, pero os leoneses foron máis efectivos
Pode que fose o mellor partido desde a chegada de Óscar Cano ao banco. O Deportivo dominou, xerou oportunidades, pero acabou sufrindo para sumar un punto ante a Cultural. Todo ese dinamismo en ataque vese condicionado por unha debilidade defensiva que lle custou dous goles.
No primeiro tempo, o Deportivo mereceu ir en vantaxe no marcador. Tanto polas ocasións xeradas como por algunha acción polémica na área da Cultural en que o árbitro se trabucou ao non asubiar penalti.
A segunda parte comezaba co gol de Quiles aos trinta segundos. Parecía que o Deportivo fixera o máis difícil, pero a Cultural empatou cun golazo de Alarcón no 50. No 66 chegaba o 1-2 nunha boa xogada individual de Percan, e Riazor tremeu por un partido que parecía no peto. No 85 entrou no campo o canario Yeremay, e un minuto máis tarde acertou a rematar un centro desde a dereita. Aínda tivo ocasións o equipo coruñés para marcar o terceiro gol pero a montaña rusa de Riazor quixo que o encontro rematase en empate.