A expulsión de Kensly na primeira metade provoca unha goleada do Escobedo nas Eiroas (1-4)
O cadro cántabro tirou proveito da superioridade numérica e acadou unha vitoria que o deixa no posto de play out, dependendo de si mesmo
O Bergantiños pecha unha meritoria temporada sen opcións de acadar o billete para a Copa
Nas Eiroas, o Bergantiños recibía un Escobedo en plena loita pola supervivencia, na que tamén estaban outros dous equipos galegos: o Coruxo e o Compostela. Xa salvados, pero lonxe dos postos de promoción, os de Carballo tiñan a opción de acadar o billete para disputar a edición vindeira da Copa do Rei.
O partido estivo igualado durante moitos minutos, pero quedou desequilibrado aos 36 minutos. Unha falta perigosa a prol dos galegos sacouna Kensly. Na loita polo rexeitamento cun membro da barreira recibiu o segundo cartón amarelo e foi expulsado. Un mazazo que penalizaba pouco despois o Escobedo cun gol de Aarón á contra.
O Bergantiños resistiuse, e empatou o encontro antes do descanso. Marcou Fito á saída dun córner. Pero o Escobedo volveu golpear no engadido por medio de Peña, e o encontro decantábase.
Á volta do descanso os cántabros ían facer dous goles máis. Adu Fontán no 52 e Cagigal no 56. Antes da hora de xogo quedaba sentenciada a sorte do encontro, deixando ao Bergantiños sen Copa e sen promoción, pero salvado. O Escobedo loitará por eludir o descenso co Compostela, e pode evitar o play out se lle dá caza ao Coruxo na última xornada.