Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen tres mozos en Ferrol, dous deles menores, por acoitelaren a outro

Deteñen tres mozos en Ferrol, dous deles menores, por acoitelaren a outro

A vítima foi abordada á saída dunha discoteca polos supostos agresores que pretendían roubarlle

O ferido en estado grave recibiu entre 10 e 15 coiteladas nas costas, ademais de golpes na cara e por todo o corpo

Exteriores da discoteca do barrío ferrolán de San Xoán onde se produciu a agresión
G24.gal 20/11/2022 19:28 Última actualización 20/11/2022 21:11

Axentes da Policía Local de Ferrol detiveron tres mozos, dous deles menores e outro de 18 anos, todos con antecedentes, como supostos autores dunha agresión a outro home, de 22 anos, que se atopa en estado grave ingresado no complexo hospitalario universitario da Coruña.

A agresión produciuse sobre as 06:15 horas deste domingo no apeadoiro de FEVE, no barrio ferrolán de San Xoán, á saída dunha discoteca.

O agredido saíra minutos antes dunha discoteca da zona cando foi abordado polos seus agresores, que lle propinaron golpes por todo o corpo, ademais de asestarlle varias coteladas por detrás, entre 10 e 15, para poder desta forma roubarlle as súas pertenzas, como o teléfono móbil e a carteira.

O sinal de socorro dérona outros mozos que pasaban pola zona e que advertiron dúas patrullas de axentes, que ían iniciar un control de alcoholemia, de que algo estaba a pasar.

Deste xeito, os efectivos policiais desprazáronse ao lugar e atoparon o ferido, polo que procederon a solicitar unha ambulancia que trasladou o ferido ao hospital Arquitecto Marcide.

Busca e detención

Os axentes comezaron unha batida pola zona. que finalizou coa localización de dous dos supostos agresores, que trataran de fuxir ás carreiras. Tratábase dun menor, que escapou dun centro de internamento, e outro maior de idade. Ambos foron detidos e trasladados á comisaría da Policía Nacional de Ferrol-Narón.

Posteriormente, localizouse outro mozo, tamén menor, supostamente implicado na agresión, polo que foi detido e trasladado á comisaría.

O ferido, en vista das feridas sufridas, foi trasladado en ambulancia ao complexo hospitalario da Coruña tras empeorar o seu estado de saúde e permanece ingresado na unidade de críticos.

A familia da vítima reclama a colaboración cidadá para reconstruír como se produciu o ataque. Unha reconstrucción á que de seguro contribuirán as imaxes captadas polas cámaras de seguridade da zona, que xa analiza a Policía Nacional.

Para a veciñanza do barrio ferrolán de San Xoán esta é unha máis das incontables pelexas e agresións que suceden ás portas desta discoteca. As imaxes desta pelexa fixéronse virais hai un ano. A asociación de veciños pide desde hai tempo máis presenza policial, tras este novo incidente, adianta que solicitará unha xuntanza coas forzas de seguridade e co Concello para analizar posibles solucións ante un problema que se agravou tras o confinamento.


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade