O Bono Emancípate incrementa o seu orzamento un 50 % ata os tres millóns
A axuda para mozos e mozas destínase aos primeiros gastos de compra ou alugueiros
O Consello da Xunta aprobou este luns poñer en marcha unha nova edición do Bono Emancípate, que este ano amplía o seu orzamento nun 50 % respecto ao pasado exercicio ata chegar aos 3 millóns de euros.
A axuda, dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos, busca apoialos nos primeiros gastos para independizarse. Será de 1.500 euros para quen se instale nunha vivenda en alugueiro ou de 3.000 para aqueles que accedan á vivenda en réxime de propiedade.
Ese diñeiro poderá dedicarse a eses gastos iniciais de compra de mobiliario, electrodomésticos, enxoval ou mesmo gastos de xestoría ou notaría.
Na pasada edición beneficíaronse desta axuda unhas 1.000 persoas, e co incremento do orzamento nesta ocación a Xunta agarda poder chegar a uns 1.500.