Lucas pecha a tempada triunfal do Deportivo con goles e asistencias (2-4)
O de Monelos anotou dous goles e deu dous pases de gol na vitoria contra o Castelló con que o cadro coruñés gañou a Final de Campións da 1.ª RFEF
O Deportivo rematou a tempada gañando a final de campións contra o Castelló. O cadro coruñés gañou por 2-4 cun Lucas Pérez estelar. Marcou dous goles e deu dous pases de gol rematando unha temporada cuns números para enmarcar.
Dous equipos con talento e sen a presión do resultado ofreceron un partido espectacular. Non chegaramos ao minuto cinco e Douglas Aurelio xa igualara a eliminatoria cun remate de cabeza. Había un xogador que tiña ganas de acabar a temporada en grande. Era Lucas Pérez que no 26 marcou o enésimo gol de bandeira e igualaba o partido.
Antes do descanso, co Castelló tirado ao ataque, o Deportivo sacou unha contra con moita precisión. Lucas apurou ata o último intre para meter o pase e David Mella anotaba o 1-2.
O segundo tempo mantivo o ritmo de vertixe. Con Lucas anotando o 1-3 logo dunha gran combinación con Villares e o Castelló respondendo no 2-3 que empurrou á rede Suero.
As defensas non existían e todo se baseaba nas accións de ataque. O Castelló gozou de boas oportunidades para igualar o partido pero o que atinou foi Davo a pase, un máis, de Lucas Pérez. O de Monelos remata a temporada con 15 goles e 19 asistencias.