Tres décadas despois do crime do Ceao, as familias das vítimas piden xustiza
Tres décadas despois do crime do Ceao, as familias das vítimas piden xustiza
Unha caixeira e un repoñedor foron asasinados a tiros nun atraco no almacén Cash Record
O imputado é un hostaleiro de Burgos que daquela rexentaba un bar na rúa Nova de Lugo
O xuízo oral vaise celebrar do 6 ata ao 10 de febreiro na Audiencia de Lugo
As familias das vítimas levaban case trinta anos loitando para que se abrise xuízo polo dobre asasinato do Cash Record.
O 30 abril de 1994, Elena López, caixeira de 32 anos, e Esteban Carballedo, repoñedor de 25 anos, eran asasinados a tiros nun atraco neste almacén de alimentación situado no polígono do Ceao.
“Agora si que vexo que podo chegar ao final do camiño que tanto loitamos”, asegura Isabel López, irmá dunha das vítimas.
“Isto é o que nós pediamos desde hai 29 anos”, di Avelina Sánchez, cuñada da outra vítima.
Despois de todo este tempo e de moitos atrancos na investigación, as familias das vítimas amósanse satisfeitas por conseguir o seu principal obxectivo, sentar no banco dos acusados a quen desde o principio foi o principal sospeitoso deste crime.
É un hostaleiro de Burgos que daquela rexentaba un bar na rúa Nova de Lugo, no que presuntamente se vendían drogas e armas.
“Independentemente da condena que lle poñan ou do que pase no xuízo, o feito de que estea aí sentado é un logro”, explica Isabel López.
A Audiencia de Lugo ditou a finais de outubro a apertura de xuízo oral por dous delitos de asasinato, un delito de roubo con violencia e outro de tenza ilícita de armas.
A fiscalía decidiu non presentar cargos, ao considerar que non hai probas suficientes. Isabel, irmá dunha das vítimas, é unhas das 40 testemuñas que están chamadas a declarar neste xuízo, que se vai celebrar do 6 ao 10 de febreiro.