Os maratóns de series cansan o cerebro: chegamos a esquecer os capítulos anteriores
Cada español ve, de media, case catro horas de televisión ao día
Aumenta o consumo a través de plataformas e polo teléfono móbil
Máis e máis e máis. Non hai ollos para tanta pantallas. Malia que as novas xeracións se están a desconectar da televisión tradicional, o consumo de contidos audiovisuais segue sendo moi alto en España. Os últimos datos din que, de media, cada español ve a tele case catro horas ao día, entre televisión convencional e novos formatos.
Ademais, aumenta o visionado a través dos teléfonos móbiles. As plataformas en liña crean unha oferta practicamente infinita e unha das consecuencias é que máis xente ve contidos de xeito continuo, un capítulo tras outro. Hai quen ve dous cada día, outros tres, algúns catro, cinco...
"Basicamente, vas á plataforma de streaming e si que é verdade que adoito ver o que recomenda. Ao mellor, se me engancha, podo ver tres ou catro capítulos", conta Jose mentres amosa a aplicación que ten instalada no seu teléfono móbil.
Pero os maratóns de series cansan. Cansa o cerebro. Os psicólogos explican que ver varios episodios seguidos chega a saturar, empachar, a nosa memoria. Así, pode chegar a pasar que non se lembre a trama dunha temporada anterior.
A cuestión é que a memoria funciona por asociacións e, ás veces, non dá tempo para relacionar unha información con outra. Ademais, está o que chaman efecto túnel. A pantalla acaba decidindo.
Se se ve moito un mesmo contido, unha mesma serie, por exemplo, o cerebro tende a buscar, despois, produtos semellantes. É o que fan precisamente os algoritmos que nos suxiren o que ver nunha plataforma despois de analizar o que estivemos vendo antes.
Comprobámolo na nosa propia casa. Na plataforma agalega.gal o xeito máis habitual de consumir series é ao estilo maratón. E son os rapaces os que teñen máis fame audiovisual.
"Algúns dos que máis consomen as series en maratón son os pequenos. En agalega.gal todas as series da cativada son consumidas en plan champada", explica a directora de agalega.gal e xabarin.gal, María Sabucedo.
Con todo, as series que máis se saborean en AGalega son os grandes clásicos. As máis vistas son as sagas como Matalobos, Mareas Vivas ou Pratos combinados.