Árbores e penedos obstaculizan o paso nunha estrada da Ribeira Sacra
Árbores e penedos obstaculizan o paso nunha estrada da Ribeira Sacra
Os veciños da pequena aldea de San Cosmede denuncian o mal estado da estrada que leva ás súas vivendas
Temen que a situación empeore cando as chuvias vaian a máis e que se produza algún accidente
"Estamos chegando á zona máis perigosa, porque en calquera momento baixa xente por aquí, que vén moita xente, e cae unha pedra ou calquera cousa e hai unha desgraza", explica Guillermo, veciño de San Cosmede, mentres conduce pola estrada que leva á súa aldea.
Que ocorra unha desgraza é o que máis lles preocupa aos escasos veciños de San Cosmede. Só dúas familias teñen casa alí, pero son moitos, din, os turistas que veñen facer a ruta de Pena Pombeira, en plena Ribeira Sacra.
"Vén moitísima xente, e é un perigo que veñan por esta estrada, que non coñecen, e mira como está". "Eu estou moi preocupada polos meus sogros, que son octoxenarios. Calquera día van por aí, cáelles a pedra enriba e van para o río, e despois pouco importa dicir 'desprendeuse unha pedra'", din Guillermo e a súa muller, Nuria.
Hai corenta anos, explican, ata San Cosmede só se chegaba en barca, polo canón do Sil. Conseguiron a estrada, pero agora falla o mantemento. Sinalan que eles mesmos se fan cargo cando poden.
"O veciño que está en Vigo e nós, cando baixamos, sempre vimos preparados no coche, cunha motoserra ou calquera cousa, por se atopamos un piñeiro caído ou calquera cousa, poder pasar. Tamén é verdade que, cando cae unha pedra grande e chamamos ao Concello, si que a veñen retirar". "En 365 días que ten o ano, dúas limpezas ao ano é moito pedir?", sinalan.
Preocúpalles que a situación empeore en canto empecen as chuvias.