Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aragonès esixe a Sánchez que se "comprometa" a pactar un referendo durante a lexislatura

Aragonès esixe a Sánchez que se "comprometa" a pactar un referendo durante a lexislatura

O presidente da Generalitat dá por feita a amnistía no debate de política xeral do Parlament: "É inevitable. Pasará"

O presidente da Generalitat, Pere Aragonès, este martes no Parlament (EFE/Quique García)
G24.gal 26/09/2023 13:05 Última actualización 26/09/2023 15:17

O presidente da Generalitat, Pere Aragonès, esixiu ao presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, que se "comprometa" a acordar ao longo desta lexislatura as bases e condicións dun referendo en Cataluña, máis aló dunha amnistía que xa deu por feita: "É inevitable. Pasará".

No arranque do seu discurso durante o debate de política xeral no Parlamento catalán, Aragonès aludiu ao intento "errado" de investidura de Alberto Núñez Feijóo, que cualificou de "candidato do PP e de Vox".

"Empezou un debate a 600 quilómetros de distancia, no que Feijóo fracasará no seu intento de gobernar o Estado. E iso será así porque Cataluña freou a ameaza que supoñen PP e Vox", afirmou. "Feijóo fracasará porque Cataluña o derrotou".

Pero máis aló do candidato popular, Aragonès considerou que a partir de agora ábrese a oportunidade para que Pedro Sánchez busque apoios necesarios para a súa investidura: "Cataluña é e será decisiva. Temos a chave da gobernabilidade do Estado e hai que utilizala".

Nese sentido, pediu a Sánchez "valentía, decisión, xenerosidade e democracia" para ir máis aló da amnistía, que xa deu por descontada. "A amnistía é inevitable. Pasará. Estou convencido de que será unha realidade".

Tanta é a confianza do presidente catalán nesa amnistía que mesmo se atreveu a augurar o próximo regreso a España do expresidente catalán Carles Puigdemont ou da secretaria xeral de ERC, Marta Rovira. 

"Espero en próximos meses recibir no Palau da Generalitat o presidente Puigdemont, a Marta Rovira e o resto de exiliados. Iso pasará", sinalou, aínda que deixou claro que "coa amnistía non basta para resolver o conflito. Non é o punto final. É o punto de partida dunha nova fase de negociación".

Nese sentido, o mandatario catalán di que será o momento de abordar a autodeterminación porque "chegou a hora de abrir paso para que Cataluña vote o seu futuro", e deixou claro que os próximos catro anos de lexislatura no Congreso deben permitir fixar as condicións para ese referendo.

"Fai falta un compromiso firme de que ao longo da próxima lexislatura atoparase e acordará a vía para que a cidadanía catalá decida o seu futuro. Fai falta que o próximo Goberno abra esta porta e que Sánchez tome nota diso", aseverou Aragonès.

Partindo da base de que o conflito actual "non beneficia a ninguén, nin o Estado nin a Cataluña", Aragonès sacou peito dos logros conseguidos por ERC nos últimos anos, como a mesa de negociación, os indultos ou a eliminación da sedición, e celebrou "a implicación de grupos que ata o de agora non se sentiron chamados a participar" desa vía, en alusión a JxCat.

O PSOE evita valorar estas peticións, esquiva o asunto. Dende Sumar si están abertos a negociar. Para a súa deputada Aina Vidal "é lícito pola súa parte explicar o que consideren" e engade que "en calquera caso, teremos que pasar por unha negociación e alí nos atoparemos".

Os socios da coalición dan por feito que Alberto Núñez Feijóo vai fracasar nesta investidura. Para a líder de Sumar, Yolanda Díaz, "estamos ante unha investidura frustrada en que o propio candidato se coloca xa na oposición".

Pola súa parte, Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso cre que o candidato do PP "se dedicouse exclusivamente a atacar o PSOE e a Pedro Sánchez, e así chegamos a esta non investidura".

Os partidos da coalición xa buscan apoios para sacar adiante a investidura de Pedro Sánchez. Iso si, insisten en que as negociacións formais non empezarán ata que o candidato socialista reciba o encargo do Rei.

O Goberno necesita ademais o apoio doutros partidos nacionalistas, entre eles o BNG. O seu deputado valoraba para a TVG o discurso do candidato á investidura.  Para Néstor Rego,"non hai credibilidade nas propostas de Feijóo, pero o que nos parece máis sorprendente xa é que non mencionase nin un só compromiso con Galicia".

E outra voz galega, a do secretario xeral do PSdeG-PSOE, que como outros baróns socialistas, seguiron o pleno dende a tribuna. Para Valentín González Formoso, "vimos un discurso falto de ideas, onde agradece a Vox o seu apoio e se esquece que os pactos de Estado hai que demostralos".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, seguiu o discurso de Alberto Núñez Feijóo dende a tribuna de convidados. Á súa chegada ao Congreso, Rueda asegurou que, despois do que se viu no último mes, a investidura de Núñez Feijóo é máis necesaria que nunca, e que o candidato popular é quen defende a igualdade entre todos os españois.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade