Aparece a cruz do miradoiro de Xiabre
A cruz, que fora roubada días atrás, encontrouse preto da zona do mirador
O Concello de Vilagarcía, logo da súa recuperación, xa anunciou que volverá instalarse no miradoiro

Encontran a cruz do miradoiro de Xiabre, en Vilagarcía, a poucos metros de onde estaba situada. A simbólica cruz do miradoiro fora roubada días atrás no que se sospeitaba que se trataba dun acto vandálico contra esta peza. Esta cruz, que adorna as vistas do miradoiro cun valor sentimental para os veciños da zona, botouse en falta logo de que se denunciase a súa desaparición por parte duns turistas.
Tras o sucedido, o Concello comezou cunha operación de busca da cruz polos arredores do miradoiro, tratando de descubrir onde puideron deixala os vándalos. Mesmo o propio Concello chegou a valorar a opción de encargar unha réplica para colocala no lugar.
Finalmente, a peza foi atopada por varios operarios municipais que se atopaban pola zona. Polo estado e o lugar no que se atopou, suponse que foi arrincada ou serrada para logo tirala ao baleiro.
O Concello xa se pronunciou, anunciando que esta será reinstalada no miradoiro como parte da historia local, pois xa se instalara había 50 anos polos antigos alumnos da escola de aprendices de Renfe, e para veciños coma Pepe, que xa fora entrevistado cando desapareceu a cruz, aínda que non teña valor económico, a importancia que ten para os veciños sempre terá máis valor.