Publicador de contidos

Ana Pontón: "Imos derrotar os do non porque somos o BNG do si"

Ana Pontón: "Imos derrotar os do non porque somos o BNG do si"

A líder nacionalista, reelixida co 99 % dos votos, advirte o "nerviosismo" do PP

Asume como prioritaria unha axenda feminista e denuncia o "xenocidio lingüístico" do galego

G24.gal 07/11/2021 17:59

Ana Pontón foi reelixida, xunto ao resto da súa candidatura, co 99 % dos votos emitidos na XVII Asemblea do BNG, que se celebrou na Coruña. 

No seu discurso de clausura, a voceira nacional amosou "plena confianza no BNG" para "liderar a Xunta de Galicia no 2024" e advertiu o "nerviosismo" do PP. Animou a mocidade a sumarse ao nacionalismo "porque somos alternativa real ao Partido Popular", asegurou.

Salientou, como retos da formación neste novo ciclo, a tarifa eléctrica propia, o reforzo da sanidade pública ou a vellez digna. Tamén a aposta por un "novo modelo forestal que acabe coa praga do eucalipto e de ENCE", subliñou. "Imos derrotar os do non porque somos o BNG do si", dixo.

"Xenocidio lingüístico"

A líder nacionalista denunciou o "xenocidio lingüístico" que se está a producir en Galicia. Falou dun "ataque premeditado e deliberado" á nosa lingua: "Que imos defender porque en galego temos futuro".

Do mesmo xeito, asumiu como prioritaria "unha axenda feminista que nos permita avanzar cara a unha Galiza de mulleres libres e iguais" e progresar no seu apoderamento.

Pontón insistiu en que o obxectivo da formación é: "Liderar o Goberno para crear a Galiza en grande que pensa o BNG. Somos optimistas da vontade e da intelixencia, irredentas co futuro de Galiza. Queremos gañar unha nova Galiza porque xuntas somos imparables. Imos facer historia e non o van poder parar. Adiante co BNG", concluíu.

Executiva Nacional

A executiva que encabeza Ana Pontón sitúa como número dous o deputado autonómico Luís Bará. Séguenos, por esta orde, Xabier Campos, Rubén Cela, Carme da Silva, Olaia Ledo, Bieito Lobeira, Lucía López, Manuel Lourenzo, Breixo Lousada, Ana Miranda, Lois Pérez, Montse Prado, Noa Presas, Néstor Rego, Xosé Luís Rivas 'Mini', Olalla Rodil, Goretti Sanmartín e Eva Villaverde.

A lista é continuísta, xa que só se producen catro cambios: Susana Camba, Duli Diniz, Xosé Manuel Marcote e Xosé Emilio Vicente, que dan paso a Lucía López, Breixo Lousada, Lois Pérez e Manuel Lourenzo.

A XVII asemblea elixiu tamén este domingo os 50 primeiros nomes do Consello Nacional, máximo órgano de decisión entre asembleas. Ao haber unha única lista, intégranse directamente todos eles.

Minuto a minuto

19:35

Ana Pontón asegura estar ante todos e todas con humildade e co obxectivo de liderar a Xunta de Galicia no 2024. "Teño plena confianza no BNG e que imos estar á altura para facer avanzar o nacionalismo"

19:36

"O que nos fai avanzar é o nós colectivo, que nos fai fortes", proclama Ana Pontón que agradece na cidade "que nos viu nacer" o esforzo de toda a xente que traballou dentro do BNG

19:38

Ana Pontón advirte o "nerviosismo" do PP e anima os mozos e mozas a sumarse ao BNG e a Galiza Nova "porque somos alternativa real ao Partido Popular"

19:42

"Imos derrotar os do non porque somos o BNG do si: si a unha tarifa eléctrica, a unha sanidade pública forte, a unha vellez digna, a un novo modelo forestal que acabe coa praga do eucalipto e de ENCE..."

19:45

Ana Pontón considera que se está a producir un "xenocidio lingüístico". Denuncia que estamos a sufrir "un ataque premeditado e deliberado ao que máis une a galegos e galegas: a nosa lingua. E imos defendela porque en galego temos futuro"

19:50

"No BNG asumimos como prioritario unha axenda feminista que nos permita avanzar cara unha Galiza de mulleres libres e iguais (...) Temos que seguir avanzando no empoderamento das mulleres: na empatía, na inclusión, no dialogo, na participación... estamos para convencer e non para vencer"

19:53

"Nesta asemblea, o BNG márcase un reto: liderar o Goberno para crear a Galiza en grande que pensa o BNG. Somos optimistas da vontade e da intelixencia, irredentas co futuro de Galiza. Queremos gañar unha nova Galiza porque xuntas somos imparables. Imos facer historia e non o van poder parar. Adiante co BNG!"

19:55

Remata o discurso e soa o himno galego

Publicidade
Publicidade
Publicidade