Alegría nega que coñecese a suposta festa de Ábalos e valora iniciar accións legais
Subliñou que eses supostos feitos non están contrastados "por ningún lado", lembrou que Paradores do Estado negou nun comunicado oficial que se producisen eses danos en Teruel e cargou contra quen pretende "retorcelos" para danala
A tamén ministra de Educación admitiu que "non están a ser días sinxelos" e apuntou a "impotencia" de ter que xustificar a súa inocencia porque "algúns dan pábulo" a "insidias" contra as que, dixo, só pode actuar con "transparencia máxima"
A portavoz do Goberno, Pilar Alegría, negou este martes "rotundamente" que coñecese a suposta festa organizada polo exministro José Luis Ábalos no parador de Teruel e apuntou que está a valorar accións xudiciais polos insultos machistas que recibiu nas redes sociais.
"Non teño nada que ocultar", asegurou Alegría na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, na que recalcou que xa deu información detallada, "minuto a minuto", da súa actividade como delegada do Goberno en Aragón durante as xornadas de 2020 nas que, segundo varias informacións, Ábalos organizou unha festa con mulleres provocando desfeitas no parador.
Subliñou que eses supostos feitos non están contrastados "por ningún lado", lembrou que Paradores do Estado negou nun comunicado oficial que se producisen eses danos en Teruel e cargou contra quen pretende "retorcelos" para danala. "Alguén pode imaxinar que se sucedese o que algúns din que sucedeu nunha cidade como Teruel non se tería máis información?", preguntou. E subliñou que esa noite non houbo o "máis mínimo parte" da Policía Nacional, algo do que ela pode dar fe debido a que era a delegada do Goberno.
A tamén ministra de Educación admitiu que "non están a ser días sinxelos", e apuntou a "impotencia" de ter que xustificar a súa inocencia porque "algúns dan pábulo" a "insidias" contra as que, dixo, só pode actuar con "transparencia máxima". Ademais defendeu a súa decisión do domingo de facerse eco do "torrencial" de "insultos, vexacións, fotografías, montaxes e acusacións" que recibiu nas redes sociais despois da conferencia de prensa do venres. Se non alzase "a voz" contras esas "vexacións dun machismo atronador", puntualizou, non se podería perdoar o que sería na súa opinión un "exercicio de irresponsabilidade" ante as mulleres e nenas que sofren situacións similares.
Alegría lamentou que haxa quen condene estes feitos e acto seguido poñan "peros", en alusión directa ao PP e Vox que aseguran que a ministra coñecía o que supostamente pasou no parador de Teruel e que o está "tapando" con para desviar a atención. "Desgraciadamente hai quen fai a primeira parte (condenar), pero sempre engaden 'si, pero'" cando ante estas accións "non caben os peros nin os titubeos", incidiu.
Aínda así dixo que prefire quedar coa "avalancha" de mostras de agarimo e de rexeitamento que recibiu cara a ese tipo de actitudes contra as que clamou "xa abonda!". "Cabeza alta e nin un paso atrás", destacou.
Desde a oposición, o PP condena os ataques, pero esíxelle explicacións. A figura de Ábalos persegue a Pilar Alegría; a de Begoña Gómez o ministro de Xustiza. Felix Bolaños deberá declarar mañá no seu despacho diante o xuíz Peinado. Deberá responder en calidade de testemuña do nomeamento de Cristina Alvárez coma asesora da Moncloa. O xuíz quere aclarar se puido haber malversación de diñeiro público ao ocuparse de xestións profesionais para a muller do presidente do Goberno.