A Xunta convoca novas axudas para acabar co feísmo
A subvención será de ata 3.000 euros para particulares e de ata 20.000 para concellos
A Xunta publica esta semana unha nova orde de axudas para acabar co feísmo. A subvención será de ata 3.000 euros para particulares e de ata 20.000 para concellos. As axudas encádranse no Plan Hurbe, en que o Goberno galego leva investidos 150 millóns de euros nos últimos anos.
Unha das obras dese programa foi a conversión da antiga casa do concello de Salvaterra de Miño nunha biblioteca municipal. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, di que o Goberno autonómico seguirá apostando polo fermosismo galego.
"Unha das cousas das que nos sentimos orgullosos foi de facer un Plan Hurbe en que investimos 150 millóns de euros e en que rehabilitamos 320 proxectos. Galicia non sería hoxe tan fermosa sen o Plan Hurbe. E Galicia seguirá sendo aínda máis fermosa no futuro con este plan que agardo que continúe moitos anos máis", afirmou Feijóo.