A TVG retransmitirá a pretempada do Deportivo e a do Celta
Compostela, Lugo, Oviedo, Sant Pauli en Hamburgo, Fiorentina, Genoa e Real Madrid. Son os 7 partidos que xogará o Depor e que se poderán ver en directo na TVG
O Celta ten tres partidos confirmados ante o Braga, o Sassuolo e o Sporting de Xixón
A Televisión de Galicia retransmitirá toda a pretemporada do R.C. Deportivo da Coruña nun percorrido que levará o cadro herculino por Galicia, Asturias, Alemaña e Italia antes do inicio da temporada oficial de La Liga.
O primeiro partido será o sábado 18 de xullo, ás oito da tarde, co encontro que o Deportivo disputará ante a SD Compostela no estadio Vero Boquete de Santiago. Unha semana despois, o sábado 25 de xullo, ás sete e media da tarde, o equipo dirixido por Antonio Hidalgo visitará o Real Oviedo no Carlos Tartiere.
O terceiro compromiso terá lugar en Vilalba, onde o mércores 29 de xullo, ás sete e media da tarde, o Deportivo enfrontarase ao CD Lugo no estadio da Magdalena.
A xira internacional comezará en Alemaña o sábado 1 de agosto, ás seis e media da tarde, cun desprazamento a Hamburgo para enfrontarse ao FC St. Pauli no Millerntor Stadion.
A preparación continuará en Italia con dous encontros de alto nivel: o xoves 6 de agosto, ás oito da tarde, ante a Fiorentina no Stadio Artemio Franchi, e o sábado 8 de agosto, con horario pendente de confirmación, fronte ao Genova no Stadio Luigi Ferraris.
O novo Real Madrid de Mouriño visitará Riazor para medirse ao Deportivo no “Teresa Herrera”. Este duelo é xa un clásico dos veráns e volve lucir en todo o seu esplendor, cos dous equipos loitando de novo na máxima categoría do fútbol español e coas cámaras da Televisión de Galicia en directo.