A princesa Leonor remata a fomación militar que recibiu nos últimos tres anos
Ao longo desta etapa pasou por Galicia: estivo na Escola Naval de Marín, de onde dixo saír como "unha galega máis"
En outono comezará a súa carreira universitaria
Por terra, por mar, e por aire. A formación militar da princesa Leonor chega á súa fin logo de tres anos nos que pasou polos tres exércitos.
Con 18 anos, nada máis saír do internado de Gales onde estudou o Bacharelato Internacional, incorporouse á Academia Xeral Militar de Zaragoza. Alí seguiu un programa de instrución e adestramento militar e especializouse en infantaría.
"Asegúrolles que o que vivimos mentres nos formamos na academia únenos para sempre e fainos madurar e medrar grazas ao compañeirismo", confesou na entrega da Medalla das Cortes, o título de Filla Adoptiva e a Medalla de Aragón.
O segundo ano incorporouse á Escola Naval Militar de Marín.
"Hoxe Galicia é terra de acollida e podo dar fe porque me sentín como unha galega máis. A miña vida na ría de Pontevedra foi intensa e esixente, pero tamén puiden desfrutar do bo ambiente en cada lugar que pisei. E da comida. Sobre todo, nos furanchos", revelou na entrega da Medalla de Ouro de Galicia.
Aínda que non todo foron furanchos. Nesta etapa, a herdeira ó trono viaxou ata América Latina a bordo do Juan Sebastián Elcano. Tamén estivo embarcada na fragata Blas de Lezo, onde participou en manobras navais con fogo real.
Agora a princesa remata o seu paso pola Academia Xeral do Aire e do Espazo de San Javier, en Murcia.
"Dende logo, asegúrolles que non son a mesma persoa que chegou a Zaragoza a mediados de 2023, en agosto", reflexionou na entrega da Medalla de Ouro da Rexión de Murcia.
O pasado mes de decembro realizou o seu primeiro voo en solitario nun avión de entrenamento. O próximo vernres, na entrega de despachos, estará acompañada pola súa familia: a Familia Real.
A seguinte pantalla será a univeristaria. En outono, Dona Leonor comezará o Grao de Ciencias Políticas na Universidade Carlos III de Madrid.