A Policía rexistra a planta de Sidenor, investigada pola venda de aceiro a Israel
A Xustiza investiga se incorreron nun delito de contrabando e participación por complicidade noutro de lesa humanidade por vender aceiro a unha empresa israelí fabricante de armas
A Policía Nacional está a rexistrar a planta de Sidenor no municipio biscaíño de Basauri, por orde da Audiencia Nacional, nunha investigación que se atopa baixo segredo de sumario.
Durante o rexistro, iniciado ao mediodía deste martes, Sidenor está "a colaborar coas autoridades que acudiron ás instalacións" da acería, a fin de "trasladarlles con toda dilixencia e transparencia calquera información que precisen", segundo informaron fontes da compañía.
O xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge interrogou en novembro o presidente de Sidenor, José Antonio Jainaga, e dous directivos na causa en que os investiga pola venda de aceiro á compañía Israel Military Industries (IMSI), fabricante de armas, tanto pesadas como lixeiras.
Ese tribunal investiga se incorreron nun delito de contrabando e participación por complicidade noutro de lesa humanidade por vender partidas de aceiro a esta empresa, presuntamente "con pleno coñecemento" de que o material "ía loxicamente destinado á produción de armamento".
Este procedemento xudicial iniciouse a raíz dunha querela da Asociación Comunitat Palestina de Catalunya-Terra Santa, comparecente como acusación popular en representación da campaña Fin ao Comercio de Armas con Israel.