Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump, evacuado ileso da cea coa prensa en Washington tras un tiroteo

Trump, evacuado ileso da cea coa prensa en Washington tras un tiroteo

O sospeitoso, de 31 anos, está detido, e Trump asegura que actuou por "motivos anticristiáns"

A investigación preliminar suxire que o obxectivo eran o propio presidente e altos cargos do seu Goberno

Diferentes países condenan de forma unánime o tiroteo

Momento en que o Servizo Secreto evacúa a Trump. REUTERS/Bo Erickson.
G24.gal 26/04/2026 03:11 Última actualización 26/04/2026 19:03

O presidente dos EUA, Donald Trump, foi evacuado de xeito abrupto este sábado da tradicional cea anual da asociación de correspondentes da Casa Branca despois de que un home armado intentara entrar ao evento.

Todos as persoas convidadas, entre as que estaba a plana maior do Goberno, tiveron que ser evacuadas. Trump explicou minutos despois, nunha conferencia de prensa na Casa Branca, que o atacante era un "tolo" e un "lobo solitario".

Segundo confirmou, non chegou a traspasar o perímetro de seguridade do salón en que se atopaba o mandatario, acompañado da primeira dama, Melania Trump, o vicepresidente, JD Vance, e centos de xornalistas e membros do mundo da política de Washington.

O fiscal xeral interino dos Estados Unidos, Todd Blanche, revelou que as investigacións preliminares suxiren que o sospeitoso tiña como obxectivo altos cargos do Goberno, incluído "probablemente" o presidente.

Nunha entrevista na NBC, asegurou que os dispositivos electrónicos e as entrevistas cos seus coñecidos apuntan a un ataque dirixido contra membros da Administración.

Axentes de seguridade evacúan unha convidada. REUTERS/Jonathan Ernst. Axentes de seguridade evacúan unha convidada. REUTERS/Jonathan Ernst.

O sospeitoso

Identificado como Cole Allen, de 31 anos e natural de California, o detido estudou enxeñería mecánica nunha universidade privada pero traballaba como profesor nunha empresa.

As autoridades reconstruíron o traxecto do atacante, que viaxou en tren desde Os Ánxeles a Chicago e de alí a Washington D. C., onde se rexistrou no hotel un ou dous días antes do evento.

O sospeitoso comprou as dúas armas que portaba nos últimos dous anos. A evidencia inicial indica que actuou só, pero esta interpretación podería cambiar a medida que avace a investigación.

O fiscal xeral confirmou que o sospeitoso non está a colaborar. O luns agárdase que sexa acusado formalmente de varios delitos graves, relacionados coa tenencia de armas de fogo e agresión.

Un axente alcanzado

A fiscal xeral de Distrito de Columbia, Jeanine Pirro, indicou nunha comparecencia posterior que o atacante ingresou no perímetro de seguridade armado cunha escopeta.

O home está "vivo", hospitalizado e baixo vixilancia tras seren neutralizado nos mesmos corredores do hotel. Un membro do Servizo Secreto, responsable da seguridade do presidente, foi alcanzado no chaleco antibalas pero atópase ben.

O presidente dos Estados Unidos compartiu, a través da súa rede Truth Social, unha serie de imaxes e un vídeo que amosan o momento da detención e a persecución do sospeitoso do tiroteo.

Imaxe do detido publicada por Trump na súa rede/REUTERS Imaxe do detido publicada por Trump na súa rede/REUTERS

As mensaxes publicadas polo mandatario carecen de texto adxunto e limítanse á difusión de material visual sobre o incidente. Na comparecencia posterior, Trump dixo que o home "foi interceptado por algúns membros moi valentes do Servizo Secreto, que actuaron con moita rapidez".

"Un axente resultou ferido de bala, pero salvouse grazas a que levaba un chaleco antibalas de excelente calidade. Disparáronlle a pelacorpo cunha arma moi potente, e o chaleco cumpriu a súa función. Acabo de falar co axente e atópase moi ben", engadiu Trump.

Os axentes, que evacuaron o presidente e o resto de altos cargos presentes na cea, detectaron o individuo nun dos controis de seguridade do hotel antes de detelo.

Varios convidados protéxense tras o tiroteo. REUTERS/Evan Vucci Varios convidados protéxense tras o tiroteo. REUTERS/Evan Vucci

Tres detonacións

Un xornalista de EFE que se atopaba na cea explicou que se escoitaron tres detonacións fóra da sala de baile onde se celebraba a cea, presidida por unha mesa sobre un escenario na que estaban sentados o presidente e a primeira dama.

Trump e os membros do Goberno foron rapidamente evacuados polo Servizo Secreto, mentres o resto de convidados refuxiouse debaixo das mesas. Tras uns minutos de incerteza, os axentes de intelixencia informaron que era seguro abandonar o lugar.

Trump coa súa dona na mesa presidencial. REUTERS/Jonathan Ernst Trump coa súa dona na mesa presidencial. REUTERS/Jonathan Ernst

Esta era a primeira vez que Trump asistía como presidente á Cea de Correspondentes, un evento anual que organizan os xornalistas que cobren a Casa Branca para celebrar a liberdade de prensa.

O republicano, que mantén unha tensa relación cos medios de comunicación, boicoteouna durante o seu primeiro mandato. O magnate republicano anunciou que a cea se vai reaxendar para dentro dun mes.

Rivais políticos como o alcalde de Nova York, Zohran Mamdani, ou a veterana congresista demócrata, Nancy Pelosi, mostraron o seu apoio a Trump e condenaron a violencia nas súas redes sociais.

Intervención de Trump na Casa Branca. REUTERS/Jonathan Ernst Intervención de Trump na Casa Branca. REUTERS/Jonathan Ernst
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade