Rueda pecha a súa visita á Arxentina cunha reunión co responsable de Pesca do país
Rueda pecha a súa visita á Arxentina cunha reunión co responsable de Pesca do país
Asegura que o Goberno de Milei "non vai cambiar as regras do xogo" e que as empresas galegas poderán seguir competindo
Alfonso Rueda pechou este sábado en Bos Aires a súa viaxe oficial de catro días á Arxentina cunha xuntanza co subsecretario de Pesca, Juan Antonio López Cazorla, responsable do sector no Executivo de Milei.
O presidente da Xunta asegurou que o mandatario lle transmitiu "tranquilidade respecto ao futuro" das empresas galegas no país e "demostrou ser consciente" da importancia de que poidan seguir prosperando. Arestora, contan con 80 barcos no Atlántico sur e dan traballo a 5.000 persoas.
"Creo que o fundamental en calquera actividade empresarial, e moito máis aquí na Arxentina respecto a unha actividade tan importante como a pesca, é ter a certeza de que as regras do xogo non van cambiar, de que van poder seguir competindo ata o de agora e se son os mellores, como creo que son, que lles siga indo ben", apuntou.
Rueda recoñeceu que "as incertezas que había a comezos de ano" sobre posibles cambios legais para as empresas na Arxentina "non se van producir finalmente e, polo tanto, esta estabilidade que demandan se vai manter".
"Loxicamente en competencia hai que seguir sendo os mellores, pero o que comprobei estes días é que, sen dúbida, as empresas que están aquí fan un traballo excelente e están en perfectas condicións de competir en igualdade con calquera", sinalou.
Encontro co alcalde de Bos Aires
O presidente da Xunta tamén se reuniu este sábado co alcalde de Bos Aires, Jorge Macri (primo do expresidente Mauricio Macri), na residencia da Embaixada de España na capital arxentina.
Segundo publicou o propio Rueda nas súas redes sociais, onde compartiu unha foto xunto o político do partido Proposta Republicana (Pro, centrodereita), "reforzar lazos coa Arxentina, o país que máis galegos acolle, é prioritario".
O líder do Goberno galego resaltou "o encontro frutífero" co xefe do Executivo porteño, ao que agradeceu "o seu compromiso de estreitar a colaboración institucional entre territorios".
A colectividade española na Arxentina é a máis grande no exterior, con case 500.000 residentes. Preto do 50 % son galegos que viven, sobre todo, en Bos Aires e na provincia homónima.