Premio ao talento para un artesán de Tomiño
Premio ao talento para un artesán de Tomiño
Aitor Martínez acaba de recibir o premio de Xove Promesa do Círculo Fortunity
Un recoñecemento ao seu talento polo traballo que realiza con pezas de madeira torneadas
Recíbenos no seu taller de Tomiño, onde Aitor pasa a maior parte do seu tempo. O cheiro a madeira impregna o espazo onde traballa. Esta é de limoeiro. Acompañado polo seu inseparable torno, deixa voar a súa imaxinación con cada peza.
"Que a peza se vexa o máis bonito que se poida ver sen que eu teña que tocala máis. O difícil é saber parar as veces. E que fago aquí? pois soñar, traballar, frustarme".
E así forxou o seu novo proxecto de vida. Abandonou un traballo fixo na universidade e apostou pola artesanía. E hai uns días chegou un premio do Círculo Fortunity que valora o seu traballo e talento.
"É unha palmada nas costas de xente, que poden ser clientes potenciais ou pataformas onde o meu traballo poida verse nun futuro; que che dean esa palmada nas costas fai que o nivel de angustia baixe bastante. E claro que te emocionas. Por min e por todo aquilo que teño detrás".
No ano 2020 marchou a Francia, onde estudou varios meses na prestixiosa escola Escoulen. Dende entón non deixou de traballar no que realmente lle gusta. As súas obras, pretencentes á marca Artesanía de Galicia, tamén están na tenda do museo Thyssen. Pero a exposición máis importante está nos andeis da súa casa agardando o seu momento.
"Pódese vivir disto, si, pódese vivir disto, aínda que, claro, depende do que cada un entenda por vida".
Dedícalles o premio ás súas fillas. Non se esquece das orixes nin do seu mestre Adrián Pena. Joki é o seu fiel escudeiro. Aitor despídese de nós con esta reflexión: Nunca pensemos que é demasiado tarde.
"Un día fun a un taller e había unhas persoas afiando a motoserra e, claro, díxenlles que era algo que eu non sabía facer e que me gustaría aprender. E miroume así e díxome que eu era vello para aprender, e dixen, buffff, non sabes o que perdes, porque a día de hoxe eu sei afiar a motoserra".