Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xuíz procesa catro exdirixentes da ETA polo asasinato de Miguel Ángel Blanco

O xuíz procesa catro exdirixentes da ETA polo asasinato de Miguel Ángel Blanco

Considera que a decisión de secuestrar o concelleiro vasco requiriu o consenso de toda a dirección da ETA 

G24.gal 25/04/2024 15:43 Última actualización 25/04/2024 16:16

O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castellón propuxo sentar no banco catro exdirixentes da organización terrorista ETA pola súa suposta responsabilidade no secuestro e asasinato do exconcelleiro do PP en Ermua Miguel Ángel Blanco en xullo de 1997.

Trátase de Soledad Iparraguirre, Anboto; Miguel Gracia Arregui, Iñaki de Rentería; José Javier Ruiz Arizkuren, Kantauri; e Mikel Albisu, Mikel Antza, todos membros do comité executivo de ETA aquel ano e a quen procesa polos delitos de secuestro e asasinato terrorista con agravante de aleivosía e imponlles o pago dunha fianza solidaria de dous millóns de euros.

O maxistrado conclúe nun auto que a decisión de secuestrar o concelleiro vasco requiriu o consenso de todos os integrantes da dirección de ETA e que os catro ex-xefes puideron impedir o asasinato do novo edil pero non o fixeron, o que evidencia "unha vontade inequívoca na produción do resultado".

Manuel García Castellón, o mesmo xuíz que hai case 27 anos comezou a investigar este atentado, ve improbable que os membros do comité executivo da ETA non ordenasen un atentado como este nin que o perpetrase un comando sen mediar planificación previa, ordes concretas e específicas, emanadas da principal estrutura directiva da banda terrorista.

A xerarquía da ETA: os comandos seguían ordes do comité executivo

Ao longo de máis de 100 folios o xuíz analiza a actuación de ETA desde os seus comezos nos anos 70 e explica que se trata dunha organización terrorista altamente xerarquizada, cunha cadea de mando de tipo vertical e "militar" na que as ordes emanadas desde o seu "Comité Executivo" chegaban aos integrantes dos comandos para ser cumpridas.

Cada membro dun comando "obedecía as ordes que lle transmitía a súa ligazón ou responsable directo porque sabía que detrás desa orde estaba a 'dirección' da ETA, o seu 'comité executivo'".

Era o núcleo de dirección da ETA o que adoptaba, explica o xuíz, as decisións estratéxicas de especial e maior relevancia que os integrantes dos comandos executaban sen formular obxección; se algún o facía era substituído.

"Autoría mediata por dominio da organización"

O xuíz sostén que concorren "todos os requisitos" para aplicar a chamada "autoría mediata por dominio da organización": existía unha "xerarquía con férrea disciplina dentro dunha organización", na que un órgano de dirección exercía "un poder de mando sobre uns autores inmediatos" que executaban "as accións ordenadas" dentro da liña estratéxica da organización, "sen capacidade de discusión" e que se limitaban a cumprir ordes. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade