O PSOE réstalles importancia ás palabras de Puente sobre o presidente arxentino
O PSOE réstalles importancia ás palabras de Puente sobre o presidente arxentino
O ministro de Transportes suxeriu o venres pasado que Javier Milei consome drogas
Os socialistas cren que a resposta do dirixente arxentino foi "desproporcionada e fóra de lugar"
O PP pide a saída de Puente do Executivo
O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, negou este luns que se abrira ningunha crise diplomática coa Arxentina, a raíz das palabras pronunciadas o venres polo titular de Transportes. Nunha charla, Óscar Puente suxeriu que o presidente Javier Milei consume drogas.
O seu partido, o PSOE, réstalles importancia ás palabras do ministro. Segundo a súa voceira, Esther Peñal, realizáronse "nun ámbito distendido" e cualificou a resposta da oficina do presidente arxentino, de Javier Milei, de ser "absolutamente desproporcionada, fóra de lugar e con poucos precedentes na democracia".
O socio de coalición, Sumar, pídelles mesura aos compañeiros de gabinete. Nunha entrevista en TVE, Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda, amosouse "partidaria de ter certa tranquilidade" e centrarse en "gobernar ben e resolver os problemas da cidadanía do noso país".
O Partido Popular reclama, sen moitas esperanzas, a saída de Puente do Goberno. Alberto Núñez Feijóo cre que non vai dimitir "porque non ten a onde ir" e que Pedro Sánchez tampouco o vai cesar porque os dous "están perfectamente organizados e viven na mesma lameira".