Publicador de contidos
Publicador de contidos

O suposto autor do atentado contra Fico é acusado de intento de asasinato premeditado

O suposto autor do atentado contra Fico é acusado de intento de asasinato premeditado

O primeiro ministro eslovaco está fóra de perigo aínda que o seu estado segue endo grave

Pedro Sánchez reitera o seu apoio a Fico tras o ataque sufrido este mércores e advirte que "ningunha forma de violencia ten xustificación"

Momento en que os axentes deteñen o sospeitoso do ataque contra Robert Fico (Reuters) Momento en que os axentes deteñen o sospeitoso do ataque contra Robert Fico (Reuters)
G24.gal 16/05/2024 10:22 Última actualización 16/05/2024 15:12

A policía acusa o suposto autor dos disparos contra o primeiro ministro eslovaco, o populista Robert Fico, de "intento de asasinato premeditado por vinganza", un delito que podería carrexarlle unha pena de entre 25 anos e cadea perpetua.

O home, de 71 anos e identificado como Juraj C., atópase detido nas dependencias dunha unidade especial da policía criminal na localidade de Nitra, segundo informa a televisión Markíza. Declarou aos policías sentirse orgulloso da súa acción.

O atentado produciuse o mércores ao 13.00 GMT, tras un consello de ministros na localidade de Handlova, cando Fico foi saudar decenas de veciños que se achegaron ao lugar onde se celebrou a reunión gobernamental.

O atacante sacou unha pistola e disparou cinco veces contra el. Pouco despois era reducido pola policía. O home conta con licenza de armas.

Estabilizado pero en estado "moi grave"

O primeiro ministro eslovaco está fóra de perigo, malia que o seu estado continúa a ser grave, despois de ser intervido durante cinco horas das feridas de balas que sufriu o mércores nun intento de asasinato, segundo informou este xoves o hospital onde está ingresado.

“O paciente tiña numerosas feridas de bala, que deben rexenerarse. Neste momento o seu estado está estabilizado, pero realmente é moi grave”, dixo a directora do centro hospitalario.

O primeiro ministro eslovaco é trasladado ao hospital pouco despois do ataque (Jn Kroolk/TASR/dpa O primeiro ministro eslovaco é trasladado ao hospital pouco despois do ataque (Jn Kroolk/TASR/dpa

Fico foi operado por dous equipos, un cirúrxico e outro de traumatoloxía, das múltiples feridas que sufriu. O ministro de Defensa sinalou que “no transcurso da noite os médicos puideron estabilizar o estado do paciente”. Segundo explicou, a gravidade do seu estado débese “á complicación das feridas sufridas”.

O ministro anunciou que durante o día proporcionaría máis información sobre a situación do primeiro ministro.

Reaccións de condena ao atentado sufrido por Fico

A comunidade internacional condena o intento de asasinato sufrido este mércores polo primeiro ministro eslovaco. O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, expresou a súa solidariedade coa familia e dixo que o ataque "viola toda idea de democracia". 

"Estamos consternados polo tiroteo. Viola toda idea de democracia. Nas democracias podemos estar en desacordo, podemos ter opinións diferentes, pero a violencia é absolutamente inaceptable", afirmou Stoltenberg ao comezo da reunión do comité militar da OTAN que se celebra hoxe en Bruxelas.

Arquivo/OTAN Arquivo/OTAN

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, condenou o sucedido.  Nunhas xornadas sobre Fondos Europeos organizadas polo Diario.es recalcou que "ningunha forma de violencia ten cabida nin xustificación posible" e desexou unha pronta recuperación ao seu homólogo eslovaco.

O líder de Vox, Santiago Abascal, expresou o seu apoio a Eslovaquia ante o "covarde atentado" contra o primeiro ministro do país, Robert Fico.

"Quero expresar todo o meu apoio ao pobo eslovaco nestes momentos tan difíciles nos que o seu primeiro ministro, Robert Fico, loita contra a morte como consecuencia dun covarde atentado contra a súa vida", escribiu Abascal na rede social X.

Para as 9.00 GMT está fixada unha reunión do Consello de Seguridade do Estado en Eslovaquia. Aínda non se determinou quen asumirá as competencias do xefe do Goberno nesta situación. De momento, a actividade parlamentaria cancelouse ata o martes, cando hoxe estaban pendentes de votación controvertidos proxectos de lei moi criticados pola oposición progresista e liberal.

Fico foi tiroteado onte na cidade de Handlová por un home de 71 anos, que foi detido, e asegurou estar en contra das políticas do Goberno. 

Varios membros do executivo aseguraron que o ataque a Fico é político e acusaron a oposición de caldear o ambiente coas súas críticas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade