Publicador de contidos

Publicador de contidos

As tropas israelís atacan por terra, mar e aire unha franxa de Gaza sumida na catástrofe

As tropas israelís atacan por terra, mar e aire unha franxa de Gaza sumida na catástrofe

O portavoz do secretario xeral da ONU cualificou as condicións de vida no enclave palestino de "atroces"

Hamas estuda a última proposta de tregua de Israel que segue a insistir na súa determinación de invadir Rafah

G24.gal 28/04/2024 09:53 Última actualización 28/04/2024 10:14

O Exército israelí informou de novos ataques na Franxa de Gaza por terra, mar e aire contra supostos obxectivos de Hamas, tras 205 días de ofensiva militar que deixan unhas condicións de vida "atroces" para a poboación, con escaseza de todos os servizos básicos, auga e alimentos.

Avións de combate do Exército israelí atacaron e "desmantelaron con precisión puntos de lanzamento listos para disparar cara ao territorio israelí", asegura un comunicado do Exército que agrega que as Forzas Armadas continúan operando no centro de Gaza.

Desde o estalido da guerra, o pasado 7 de outubro, máis de 34.300 persoas morreron na Franxa, na súa maioría menores de idade e mulleres, pola incesante ofensiva de Israel que perdeu 260 soldados.

Sen ofrecer máis detalles nin localizacións, o Exército di que avións do Exército mataron varios supostos combatentes que se atopaban preto das tropas e que avións e artillería acabaron con outro grupo de combatentes que operaba no centro da Franxa de Gaza.

Segundo a Oficina da ONU para a Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA) estes continuos "bombardeos israelís desde aire, terra e mar en gran parte da Franxa de Gaza" teñen o resultado de "máis vítimas civís, desprazamentos e destrución de casas e outras infraestruturas civís".

Condicións de vida "atroces"

O portavoz do secretario xeral da ONU, António Guterres, cualificou esta semana as condicións de vida en Gaza de "atroces" e advertiu que van empeorar co aumento das temperaturas e a dificultade cada vez maior de acceder á auga potable, pola desfeita causada polos ataques xudeus.

Mentres, Hamas estuda a última proposta dunha tregua en Gaza presentada por Israel que segue a insistir, malia a presión da comunidade internacional, na súa determinación de invadir Rafah, no extremo sur da Franxa, onde se amorean 200.000 residentes e 1,2 millóns de persoas desprazadas.

A coordinadora de Asuntos Humanitarios e de Reconstrución das Nacións Unidas para Gaza, Sigrid Kaag, advertiu ao Consello de Seguridade da ONU o 24 de abril das consecuencias dunha eventual incursión terrestre en Rafah.

"Agravaría a catástrofe humanitaria en curso, con consecuencias para as persoas que xa están desprazadas e que soportan graves penurias e sufrimentos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade