Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desartellado en Arteixo un punto de venda de droga procedente de Cádiz

Desartellado en Arteixo un punto de venda de droga procedente de Cádiz

A Garda Civil detivo unha parella que distribuía cocaína e haxix nun inmoble situado en Vilarrodís

 

Material incautado
G24.gal 27/04/2024 10:06

O Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña desmantelou un punto de venda de substancias estupefacientes en Arteixo e detivo unha parella acusada dun delito contra a saúde pública.

Segundo informa a Benemérita nunha nota de prensa, a investigación, tutelada polo Xulgado de Instrución número 7 da cidade herculina, iniciouse tras detectaren un gran movemento de persoas consumidoras de drogas en Vilarrodís.

As forzas de seguridade detectaron a presenza de persoas con antecedentes por tráfico de substancias e consumo nun domicilio onde, ao parecer, se realizaban transaccións.

Ademais, localizaron un establecemento comercial no centro de Arteixo onde a parella detida tiña xuntanzas coa clientela. Do mesmo xeito, descubriron que a mercadoría proviña de Cádiz, provincia á que un dos arrestados se desprazaba durante as vacacións.

Material comisado

Tras obter autorización xudicial, rexistraron ambos os dous inmobles, onde toparon 400 gramos de haxix en placas, 45 gramos de cocaína en doses preparadas para a venda, 3.200 euros en moeda fraccionada, material para manipular a droga e tres básculas de precisión.

Tamén toparon unha listaxe da clientela e das débedas nas que figuraban persoas con cantidades pendentes de pago de ata 5.000 euros.

A Garda Civil procedeu á incautación do material e os dous turismos que usaba a parella detida. Tras pasar a disposición xudicial, ingresaron en prisión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade