Publicador de contidos

Publicador de contidos

Colocan candeas e muíños nas viñas para combater as xeadas

Colocan candeas e muíños nas viñas para combater as xeadas

O sistema leva anos utilizándose na Borgoña francesa, e máis recentemente, na comarca de Monterrei

G24.gal 25/04/2024 16:21

Os danos das xeadas poden resultar nefastos para os cultivos. Os viticultores de Vilardevós levan anos aplicando un método moi curioso para evitalos. E din que é moi efectivo.

O sistema leva anos utilizándose na Borgoña francesa, e máis recentemente na comarca de Monterrei. Un sistema útil, efectivo e necesario, din, para épocas de xeada.

"Temos unha zona de viñedo na que colocamos unhas candeas cada aproximadamente 20-25 metros cadrados que prendemos a metade da noite, normalmente entre as catro ou cinco da mañá  e que nos axudan a subir a temperatura nos momentos máis complicados, que é ao nacer o sol", di Luís Atanes Fernández, técnico de viticultura de Adegas Martín Códax.

Conseguen deste xeito subir a temperatura do viñedo entre dous e tres graos, mantela en valores positivos para que a xeada non afecte os gromos da cepa. 

"Nós témonos que anticipar e cando a temperatura estea arredor dun grao positivo temos que empezar a acender para que a temperatura baixe por baixo dos cero graos". 

Acenden e apagan as candeas á man. As catro mil seiscentas que hai no viñedo. Todo se controla en tempo real e estes días hai sempre un retén de trece persoas preparado para o acendido en plena noite no caso de que a temperatura baixe de máis. 

"O período crítico é dende que agroma, que normalmente acostuma ser primeiros de abril, primeira quincena de abril ata un ano moi complicado ata mediados finais de maio". 

Combinan as candeas de parafina con muíños coma estes que  moven o aire frío que queda no val e baixan o aire quente que hai nas capas altas conseguindo así subir a temperatura do viñedo entre dous e tres graos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade