Publicador de contidos

Publicador de contidos

Joe Biden celebra o labor da prensa, mentres critican na rúa o seu apoio a Israel

Joe Biden celebra o labor da prensa, mentres critican na rúa o seu apoio a Israel

Na cea de correspondentes da Casa Branca pediulles aos profesionais evitar o sensacionalismo na cobertura política 

Centros de manifestantes pedíronlle un cambio de postura na ofensiva contra Gaza e honraron os xornalistas falecidos na guerra

 

G24.gal 28/04/2024 09:06 Última actualización 28/04/2024 14:34

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, celebrou o labor da prensa este sábado durante a cea de correspondentes da Casa Branca, mentres centos de manifestantes protestaban na contorna contra o apoio do seu Goberno a Israel.

A cea, organizada cada ano pola Asociación de Correspondentes da Casa Branca, é un dos eventos máis importantes en Washington ao que asisten renomeados xornalistas, famosos, políticos e empresarios.

Un grupo de manifestantes, que pedían un cambio na postura do Goberno fronte a Israel, apuparon os asistentes á entrada do hotel Hilton, onde se celebrou a cea.

Durante a súa intervención na gala, o presidente Biden chanceou sobre a súa idade e burlouse do expresidente e precandidato republicano á presidencia Donald Trump.

"Son un home maior e estoume a enfrontar a un neno de seis anos", dixo o mandatario entre risas.

Na parte máis seria do seu discurso, Biden pediulle á prensa que estea "á altura do momento" durante a cobertura das eleccións do próximo mes de novembro, asegurando que a democracia no país está en xogo.

"Eu teño un rol que xogar pero, con todo respecto, vostedes tamén", sinalou.

Pediulles que se afastasen do "sensacionalismo" na súa cobertura política, tras recoñecer que o labor da prensa é "máis crucial ca nunca".

De feito, lembrou que "algúns" xornalistas "perderon as súas vidas" no traballo e fixo mención só a un caso en concreto, o do xornalista Evan Gersovich, do diario neoiorquino Wall Street Journal, encarcerado en Rusia.

Profesionais falecidos no conflito de Gaza

Fóra do recinto, o grupo de manifestantes que pedía boicotear a cea en protesta polo apoio dos EUA a Israel na súa ofensiva contra Gaza, colocáronse chalecos antibalas de prensa no chan, na honra dos xornalistas falecidos na rexión.

Más do 75 % dos xornalistas que faleceron este ano en todo o mundo morreron nos territorios palestinos e Israel, segundo datos da organización Comité para a Protección dos Xornalistas (CPX), con sede en Nova York.

De acordo con este colectivo, ata o momento morreron 97 profesionais dos medios no conflito. O Sindicato de Xornalistas Palestinos eleva a cifra a 125.

Un grupo de xornalistas palestinos publicou este mes unha carta aberta na que pedían aos seus compañeiros estadounidenses boicotear a cea anual "como un acto de solidariedade" cos reporteiros que poñen a súa vida en perigo para cubrir a guerra na Franxa.

Nerd prom

A cea, que tivo a súa primeira edición no 1921, é unha tradición anual en Washington que só se rompeu durante a Presidencia de Trump (2017-2021).

A gala coñécese coloquialmente como nerd prom, o que equivale ao baile de gradación dos chapóns, e o seu punto álxido é o discurso do presidente, no que adoita chancear sobre a súa xestión e lanzar pullas aos seus opoñentes políticos.

Nesta edición estiveron numerosas celebridades de Hollywood, como o comediante, actor e guionista Colin Jost, de Saturday Night Live, que presentou o evento, e a súa esposa, a actriz Scarlett Johansson. Tamén estaban a actriz Rachel Brosnahan ou o rapeiro Jermaine Dupri.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade