Rueda viaxa á Arxentina para reunirse co sector pesqueiro
Rueda viaxa á Arxentina para reunirse co sector pesqueiro
O presidente da Xunta manterá encontros coa colectividade galega e con empresas pesqueiras
O presidente da Xunta comeza este mércores a súa primeira viaxe oficial ao estranxeiro desta lexislatura.
Na Arxentina manterá encontros coa colectividade galega e con empresas pesqueiras.
O xoves e venres, Alfonso Rueda viaxará á Patagonia para visitar en Puerto Madryn e en Puerto Deseado pesqueiras galegas e arxentinas que teñen capital galego.
Alí ten previsto reunirse con autoridades locais, cuxo papel cos armadores foi clave para conseguir que o goberno de Javier Milei paralizase a principios de ano a reforma que anunciara para poxar as cotas e dereitos de pesca.
A industria pide que o novo sistema se debata no Congreso escoitando os especialistas.
Antes de ir á Patagonia, Alfonso Rueda reunirase en Bos Aires cos centros galegos da capital co obxectivo, apunta a Xunta, de comprometer o seu apoio aos galegos do exterior nesta lexislatura, na que as competencias de Emigración e Emprego estarán na mesma Consellería.
A Estratexia Galicia Retorna da Xunta aspira a facilitar o regreso de 30.000 galegos do exterior ata o 2026.