A extrema dereita logra un acordo para gobernar coa centrodereita nos Países Baixos
A extrema dereita logra un acordo para gobernar coa centrodereita nos Países Baixos
O acordo recollerá unha política de asilo máis estrita, melloras na Seguridade Social, a construción de máis vivendas e acordos sobre agricultura e pesca
O líder da extrema dereita neerlandesa, Geert Wilders, alcanzou este mércores un acordo “provisional” para formar un novo goberno nos Países Baixos con tres partidos de centrodereita, aínda que os catro non se puxeron de acordo nin no nome do candidato a primeiro ministro.
Segundo anunciou Wilders, líder do Partido da Liberdade (PVV), houbo acordo cos outros partidos de centrodereitas: o liberal VVD, o democristián NSC e o partido dos granxeiros BBB, pero non hai pacto sobre algúns puntos como as pensións.
Está previsto que o acordo recolla unha política de asilo máis estrita, melloras na Seguridade Social, a construción de máis vivendas e acordos importantes sobre o futuro da agricultura e a pesca.
Os grupos parlamentarios dos catro partidos analizarán agora o acordado, antes de que se envíe o acordo ao resto da Cámara. Se os grupos parlamentarios non teñen obxeccións sobre o acordo, haberá unha presentación pública do texto.
Wilders gañou as eleccións do pasado 22 de novembro, pero tivo que renunciar á súa aspiración ao cargo de primeiro ministro para desbloquear o diálogo cos outros partidos. Os outros tres líderes de partidos tomaron a mesma decisión e non son candidatos a dirixir o goberno.
"Propúxose un candidato, pero deixo que o señor Wilders se encargue de falar sobre iso. Non vou responder sobre un nome que non se fixo público", dixo o democristián Pieter Omtzigt (NSC.