Visións radicalmente opostas desde o PP e o PSC sobre a defensa da amnistía de Sánchez

O líder do PSC, Salvador Illa, considera que a aposta de Sánchez é un si ao reencontro, á convivencia da España plural e unha mostra de afecto a Cataluña

Desde o PP, Núñez Feijóo di que "a amnistía non se negocia en nome de España", senón en función dos "intereses de Sánchez" para permanecer na Moncloa

G24.gal 29/10/2023 14:20

Salvador Illa comparecía ante o Consello Nacional do PSC para pedir un apoio "sen fisuras" á proposta de amnistía formulada onte por Pedro Sánchez. Apelou á España real, que para el é a plural e diversa. Na defensa da amnistía dixo que "España é de todos, non exclusiva de ninguén", e que se constrúe cada día desde a xenerosidade e sen resentimento:

"España encarnada no seu Parlamento, que é a sede da soberanía, non pode ter unha maior mostra de afecto a Cataluña e os cataláns que facer esta aposta por reconstruír a nosa convivencia e restaurar os nosos afectos. Estes momentos son os que fan grande a política".

Visión diametralmente oposta desde o PP. Núñez Feijóo, desde Málaga, dixo que Pedro Sánchez está abonado á mentira e que a amnistía se negocia só para unha reconciliación: a do líder do PSOE coa cadeira da Moncloa. Sinalou que á esquerda constitucionalista, que era o PSOE, "xa non a coñece nin a nai que a pariu", e referiuse así ao discurso de onte de Sánchez:

 "Esta amnistía non se negocia en nome de España, negóciase en nome de Sánchez, non se negocia no nome do noso partido. Dixo onte o señor Sánchez que da necesidade virtude. Non, non, non, da túa necesidade un problema para todos os españois".
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade