Prisión para un detido por atentar contra Vidal-Quadras e liberdade para os outros dous

A policía busca un cuarto implicado de orixe tunisiana

Un dos detidos polo atentado contra Vidal-Quadras Un dos detidos polo atentado contra Vidal-Quadras
G24.gal 24/11/2023 20:52 Última actualización 24/11/2023 21:42

O xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge acordou prisión incondicional por tentativa de asasinato terrorista para o detido en Lanjarón (Granada) polo intento de asasinato do cofundador de Vox e exdirixente do PP, Alejo Vidal-Quadras, o pasado 9 de novembro en Madrid. 

Os outros dous arrestados, un home en Fuengirola (Málaga) e a muller de orixe británica e parella do arrestado en Lanjarón quedaron en liberdade con medidas cautelares, o que supón que terán que presentarse os días 1 e 15 de cada mes no xulgado e deberán entregar o pasaporte, xa que o maxistrado prohibiulles saír do territorio nacional.

De Jorge asumiu a semana pasada esta investigación, que foi declarada secreta, ao poder tratarse dun delito de terrorismo ante a posibilidade de que detrás do atentado estea unha organización vinculada ao réxime iraniano. Segundo as primeiras investigacións, o detido en Fuengirola estaría relacionado coa motocicleta utilizada no atentado e na que fuxiu o autor do disparo e o seu acompañante que a conducía. Tras a detención destes sospeitosos transcendeu tamén que a Policía busca a un cuarto implicado de orixe tunisiana.

Vidal-Quadras, de 78 anos, recibiu un tiro na cara sobre as 13:30 horas o pasado 9 de novembro moi preto do seu domicilio, na rúa Núñez de Balboa de Madrid. El mesmo comunicou á policía que detrás do tiroteo podería estar o réxime de Teherán, debido ás súas relacións coa oposición deste país. Onte mesmo foi dado de alta no hospital Gregorio Marañón de Madrid, onde permaneceu ingresado desde o ataque. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar