O Arousa denuncia a súa “evidente indefensión” ante as alegacións do Granada

O pasado 7 de novembro, o Comité de Competición acordou dar ao Granada por perdido o partido da primeira eliminatoria da Copa do Rei contra o Arousa

G24.gal 14/11/2023 17:58 Última actualización 14/11/2023 18:13

O Arousa SC denunciou este martes a súa “evidente indefensión” ante o recurso interposto por parte do Granada CF ante o Comité de Apelación da Federación Española de Fútbol (RFEF) pola posible aliñación indebida do porteiro Adrián López.

No seu comunicado de prensa, o club que preside Manuel Abalo expón que “apenas” tivo “un par de horas” para “analizar e contestar as alegacións” do conxunto nazarí dentro do prazo establecido pola RFEF, que finalizaba ás 13.00 horas de hoxe.

“A excesiva documentación presentada pola parte contraria fai imposible que se poida contestar ao citado recurso coas garantías que establece a normativa aplicable”, lamenta o Arousa, que recibiu o recurso interposto polo Granada, vía correo electrónico, “ás 08.45 horas de hoxe”.

Por iso, o club pontevedrés avanza que defenderá os seus dereitos e intereses “ante todas aquelas xurisdicións que se consideren competentes”.

O pasado 7 de novembro, o xuíz disciplinario único de competición da Federación Española acordou dar ao Granada por perdido o partido da primeira eliminatoria da Copa do Rei contra o Arousa, en que se impuxo por 0-3, porque o seu porteiro Adrián López non podía xogar ese encontro ao ser maior de 23 anos e ter ficha co Recreativo Granada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos