Continúa activo o incendio de Montitxelvo pero con menos restricións

As condicións meteorolóxicas facilitaron as tarefas de extinción do lume, que puido ser provocado polo "factor humano"

As 850 persoas desaloxadas puideron regresar aos seus fogares

Un incendio na localidade de Chiva, que se atopa "estabilizado", obrigou a desviar efectivos aéreos

G24.gal 04/11/2023 20:08

O incendio forestal declarado o xoves no municipio valenciano de Montitxelvo segue activo tras queimar 2.500 hectáreas nun perímetro de 60 quilómetros. Aínda falta esclarecer se o lume puido ser orixinado de forma intencionada ou accidental polo "factor humano".

As autoridades levantaron esta tarde as restricións nos municipios afectados polo lume, agás en Ador, Ermida de Ador, a urbanización Montecorona e Corona, que deberán agardar a novas indicacións mentres a Garda Civil revisa esas zonas. Os veciños, confinados nas súas casas, xa poden saír á rúa, e os que foran evacuados teñen permitido volver ás súas vivendas, aínda que continúa restrinxido o tránsito polo perímetro do incendio e zonas circundantes.

Este sábado incorpóranse por primeira vez cinco medios aéreos para realizar labores de extinción, xa que os últimos dous días non puideron traballar polos fortes ventos. Dous dos efectivos aéreos tiveron que ser desviados a primeira hora da tarde a outra localidade valenciana, Chiva, tras declararse alí outro incendio forestal, que xa se atopa "estabilizado".

As condicións meteorolóxicas de onte á noite favoreceron a actuación na zona, pois a humidade relativa foi máis alta e os ventos alcanzaron refachos de menos intensidade. Actuouse principalmente na cabeza do incendio, preto da localidade de Ador, e no flanco dereito, para evitar que as chamas saltasen á provincia de Alacant. Tamén se programaron voos de recoñecemento con cámara térmica para comprobar a intensidade de calor do incendio e os puntos quentes.

Os efectivos seguen traballando con maquinaria pesada e "poderíase ver dificultada a súa actividade na extinción". Entre as tarefas principais atópase o "repaso do perímetro do lume para tratar de evitar novas combustións".

Control dos municipios afectados

Grazas a que a situación do incendio "non é tan adversa", segundo explicou a conselleira de Xustiza e Interior, Elisa Núñez, dos tres municipios que permanecían confinados (Ador, Potries e Font d'en Carrós), esta mañá permitiuse á veciñanza destas dúas últimas voltar ás súas casas. As 850 persoas desaloxadas dende o xoves, puideron regresar xa aos seus fogares.

Con respecto á orixe das chamas, a Garda Civil tomou declaración a varias testemuñas do incendio de Montitxelvo e traballa coa hipótese de que a súa orixe se debeu ao "factor humano", segundo explicou a delegada do Goberno, Pilar Bernabé, no Posto de Mando Avanzado do incendio.

Tamén indicou que se despregaron uns 50 axentes nos municipios desaloxados polo incendio para evitar roubos. A Garda Civil fixo un chamamento para que se cumpran as normas e que durante a fin de semana non se fagan excursións á zona do incendio. Actividades relacionadas co sendeirismo, motociclismo, turismo de montaña e similares deben evitarse, posto que "pode resultar moi perigoso, xa que aínda existen puntos quentes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade