O persoal docente aproba a decisión de deixar os recreos sen móbiles

Consideran oportuna a medida para evitar condutas aditivas e previr casos de ciberacoso nos colexios

Piden unha regulación estatal que limite o acceso dos menores a contidos violentos e pornográficos

G24.gal 10/12/2023 15:09 Última actualización 10/12/2023 18:55

Moitos institutos galegos xa teñen restrinxido o uso dos teléfonos móbiles nos recreos e agora aplauden a decisión da Xunta de estender a prohibición a todos os centros escolares á volta das vacacións do Nadal.

"Estamos moi a favor desta medida. Pensamos que nun centro escolar non teñen cabida os teléfonos móbiles. Non os precisan para nada e é que, ademais, é un perigo ter ese acceso nos recreos en relación ao acoso, ao 'bullying'. Dende logo, non axudan a erradicar estes problemas nos centros", di Magalí Balandrón, directora do IES Blanco Amor de Ourense.

"Despois todo o tema das relacións sociais, que se perverten a partir de mensaxes inxuriosas, o 'sexting'... Os problemas que antes quedaban no instituto agora lévanos para a casa no seu peto, e agrándase moito esta problemática", engade Daniel Lorenzo, director do IES Otero Pedraio de Ourense.

Os docentes argumentan que os recreos deben ser espazos de convivencia que cumpran unha función socializadora. Advirten da necesidade da previr un uso adictivo do móbil tamén fóra dos centros educativos. 

"Eu o que teño claro é que a un neno de 12, de ningunha maneira lle podemos dar un móbil sen ningún tipo de supervisión por parte das familias. Danse casos aberrantes, que teñen acceso a contidos e os pais non o saben. Contidos sexuais, violentos e atrocidades que podemos ver na pornografía actual. É un desafío tan grande que só con esta lei non imos conseguir dar resposta aos problemas que nos xeran", matiza Daniel Lorenzo.

Piden unha regulación estatal que limite o acceso dos menores a contidos violentos e pornográficos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade