Publicador de contidos

Publicador de contidos

Yolanda Díaz, partidaria de subir os impostos ás empresas con maiores beneficios

Yolanda Díaz, partidaria de subir os impostos ás empresas con maiores beneficios

A vicepresidenta segunda dille que a receita de baixar impostos de Feijóo implica recortes nos servizos públicos

Yolanda Díaz insiste en que está nunha fase de escoita para decidir se lidera un proxecto político amplo e descarta adiantar posibles alianzas

Yolanda Díaz nun momento da entrevista na Radio Galega
G24.gal 20/04/2022 11:10

A ministra de Traballo e vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, cre que as propostas económicas do novo líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, son vellas e perigosas, porque levan ao recorte dos servizos públicos.

"Que diga con claridade que servizo público vai recortar"

"Paréceme que as propostas que fai Alberto Núñez Feijóo son bastante vellas e moi perigosas. A min gustaríame que diga con claridade que servizo público vai recortar, non se pode enganar a xente. (....) A min gustaríame escoitarlle ao señor Feijóo que pensa el sobre que paguen máis impostos as eléctricas", dixo Díaz, entrevistada este mércores na Radio Galega.

A responsable de Traballo é partidaria de subirlles os impostos ás compañías que máis beneficios teñen e pediulles responsabilidade social ás grandes eléctricas, despois de que a presidenta da patronal do sector advertira de que poderían subir a tarifa do mercado libre para compensar a rebaixa da tarifa regulada na que traballa o Goberno. "Eses discursos non son para un pensionista galego que cobra 600 euros e non pode pagar o recibo da luz", afirmou.

A vicepresidenta referiuse tamén á negociación das marxes salariais que están levando a cabo os axentes sociais e desligou dese proceso a suba do soldo dos funcionarios, despois de que Pedro Sánchez apuntara que decidirán sobre os soldos públicos en función do que acorden os axentes sociais. 

Díaz insistiu en que os funcionarios teñen a súa propia negociación: "Os empregados públicos levan unha negociación propia, imos deixar que cheguemos a un resultado", asegurou.

"Teñen que ser os partidos o centro de actuación? Coido que non"

Sobre o seu futuro político, Yolanda Díaz insistiu en que está nunha fase de escoita para decidir se lidera un proxecto político amplo, descartou adiantar posibles alianzas e matizou que os proxectos teñen que estar apoiados pola xente: "Vai decidir a cidadanía", dixo. "Teñen que estar os partidos no tramo final? Pois claro, coma sempre. Teñen que ser os partidos o centro de actuación? Coido que non".

Díaz restoulle importancia ás últimas enquisas que recollen un crecemento do Partido Popular e dixo ter claro que vai traballar "para que a extrema dereita non goberne no noso país".

Por último, ao preguntarlle sobre a reclamación dos familiares das vítimas do Villa de Pitanxo para que o Goberno envíe medios ao lugar do naufraxio, Díaz solidarizouse cos afectados, pero matizou que ese tema queda fóra das súas competencias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade