Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xefe de Garzón di que "o único que había é que o maquinista se dese de conta de pasar a 80 km/h"

O xefe de Garzón di que "o único que había é que o maquinista se dese de conta de pasar a 80 km/h"

Garzón formouse nunha vía paralela á do accidente, pero "totalmente diferente", di o seu instrutor

O maquinista xefe de tren Manuel Mato, sobre a formación na liña: "Dixéronnos que había que atar os machos"

EP 22/11/2022 08:55 Última actualización 22/11/2022 20:20

O xefe de Francisco Garzón, o maquinista acusado no xuízo polo accidente do Alvia, denunciou que "o único que había" na liña para salvagardar a seguridade era que o condutor "se dese conta" de pasar a 80 quilómetros por hora pola curva da Grandeira.  

Juan Carlos Cons foi a terceira testemuña en declarar este martes no xuízo polo sinistro ferroviario, a proposta do avogado de Garzón, que tamén presentou aos dous anteriores (outro maquinista xefe e o formador de Garzón).  

A xuíza mostrouse particularmente crítica esta xornada, pedindo "axilidade" e lanzando reproches a algunhas partes sobre que "isto non leva a ningunha parte" e que ela "quixese saír algún día de aquí". "A vostede polo menos pódeno substituír", chegoulle a soltar a un avogado que representa a vítimas do accidente.

A preguntas do letrado que defende a Garzón, Cons, xefe de maquinistas da Coruña, sinalou que coñeceu o aviso sobre o perigo da curva "de forma verbal" e que estaba totalmente de acordo coas súas advertencias e recomendacións.  

En concreto, o xefe de maquinistas José Ramón Iglesias Mazaira alertaba do brusco salto de velocidade na Grandeira (de 200 a 80 quilómetros por hora) sen previo aviso, xa que era preciso iniciar o freado antes do sinal de limitación, situada no quilómetro 84.

Neste sentido, subliñou que "o único que había é que o maquinista se dese conta de que no punto quilométrico 84 tiña que pasar a 80 quilómetros por hora".

Sobre o uso do teléfono, indicou que se lles achegou un corporativo no ano 2001 "e o convenio" obrigáballes aos maquinistas a levalo "operativo" como "ferramenta de traballo".  

"Antes de dárnolo houbo a súa polémica: 'A ver se nos van estar a chamar todo o día ou algo así, fóra do traballo", lembrou que se comentaba.

A formación noutra liña, paralela pero "totalmente diferente"

O formador de Garzón para a súa habilitación para a liña onde se produciu o accidente do Alvia en xullo de 2013 dixo que non advertiu o perigo da curva da Grandeira porque nunca circulara por ela.

Cando Abel Fortes formou ao maquinista acusado, en novembro de 2011, a liña onde finalmente descarrilou o tren aínda non estaba en servizo, así que as prácticas fixéronse por unha vía paralela, dixo Fortes, pero "totalmente diferente".

Na sesión de hoxe do xuízo, a primeira declaración foi a de Manuel Mato, un maquinista xefe coñecedor da liña e que circula habitualmente por ela. Dixo que o perigo da curva "estaba en boca de todos", e que non denunciaron a deficiente sinalización porque xa o fixera o seu compañeiro Iglesias Mazaira, formador de maquinistas, e non se tomou medida ningunha.

Segundo Manuel Mato, durante a formación que recibiron o que lles recomendaron é buscar un punto de referencia para iniciar a freada de confort a tempo e chegar á curva aos 80 quilómetros por hora que marcaba o cadro de velocidades máximas. 

"Dixéronnos que había que atar os machos"

Así, asegurou que só lle trasladaron "que a curva que tal (sic) e que había que atar os machos polo si ou polo non". "Que quere dicir atar os machos?", repreguntoulle, ao que este profesional contestou: "Que había que frear con tempo suficiente para chegar á curva".

"Non daban un punto concreto"  

En calquera caso, insistiu en que "non daban un punto concreto para frear", ou polo menos el non lembra que llo "desen", ningún punto "de referencia".

Previamente, a cuestións do letrado do maquinista, esta testemuña destacou que "a avanzada indícache como está o sinal seguinte, non outra cousa", e se está en vía libre quere dicir que deben "continuar a marcha normal".  

"Ten algún outro significado? Non. Significa que debes reducir a velocidade? Non", dixo tallante, nun interrogatorio que, pola contra ao de Fiscalía, estivo marcado polas respostas de 'si' ou 'non'.

"Todos viamos o que pasaba nesa curva"  

Este condutor de trens Alvia afirma que "estaba en boca de todo o persoal" o aviso dun xefe de maquinistas, José Ramón Iglesias Mazaira, sobre o perigo da curva. "Todos viamos o que pasaba nesa curva", subliñou.  

Neste punto, o avogado de Garzón sinaloulle se "podería afectar calquera maquinista" e Mato advertiu que "si, porque na vía non había nada que protexese a curva".  

Tamén apuntou que "non había" sinais na vía que ordenasen o inicio de redución de velocidade antes da curva da Grandeira e, pola contra, existen "unha chea de curvas sinalizadas" e xa as "había nese momento".  

"Pero se estaba denunciado!"

O interrogatorio do fiscal estivo marcado pola súa dureza e polas intervencións incisivas da xuíza. "Que faciamos? Procurar que non nos pasase", chegou a responder o maquinista, ante o que o representante do Ministerio Público lle afeou "por que non o denunciaron".  

"Pero se estaba denunciado! Fan un informe sobre o perigo da curva, non lles fan caso e vánnolo facer a nós?", exclamou.

Neste sentido, insistiu en que fixo "comentarios cos mandos intermedios sobre o perigo da curva". "E coma min, creo que a maioría", apostilou.  

Ao ser preguntado por cal foi o momento en que se deu conta do risco na curva, o maquinista recoñeceu que se decatou tras realizar as prácticas nesa vía cunha locomotora a 140 quilómetros por hora.

Xa con viaxeiros, asegurou, circulou á velocidade máxima permitida, 200 quilómetros por hora, cun sinal de vía libre que indicaba "marcha normal" e tivo que reducir a 80 para tomar a curva.

Segundo explicou, "na vía non había nada que protexese a curva".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade