Publicador de contidos

Publicador de contidos

A CIAF recoñece que descartou a colocación de balizas na liña de Angrois

A CIAF recoñece que descartou a colocación de balizas na liña de Angrois

Descartou a petición de Renfe de instalalas porque “non era tan fácil” e provocaban fallos co sistema ASFA, segundo explicou o secretario da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviario

O sistema ERTMS “dera problemas” e por tanto o seu cambio “estaba xustificado”, dixo Edmundo Parras

G24.gal 18/01/2023 09:05 Última actualización 18/01/2023 12:59

A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) descartou colocar balizas nos cambios significativos de velocidade na liña en que se accidentou o Alvia en Angrois en 2013 porque “non era tan fácil” instalalas e provocaban fallos co sistema ASFA habilitado na vía.

Así o admitiu este mércores o secretario da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) Edmundo Parras, que foi o relator do informe do órgano dependente do Ministerio de Fomento sobre o accidente, e fíxoo ao longo dunha comparecencia que se estendeu durante dúas horas e media.

Parras corroborou que tras o accidente sucedido en Medina del Campo en 2008, o operador ferroviario solicitou a colocación destas balizas, que poderían evitar o accidente de Angrois, pero que a CIAF as descartou ao entender que a súa instalación “non era tan fácil”.

A pesar de non atender a petición de Renfe, aclarou, a CIAF recomendou que estivesen atentos por se se producían outros sucesos e que se apostase por "reforzar a formación para evitar comportamentos de risco".

Sinalou ademais que, agora “a touro pasado”, todos son conscientes de que “con máis medidas” a seguridade sería maior, pero asegura que ata o momento do sinistro, rexistrado o 24 de xullo de 2013, todos compartían que “o tema funcionaba razoablemente ben”.

Tamén Parras insistiu en que a xustificación para eliminar o ERTMS da liña e volver a ASFA “era razoable” porque o sistema ERTMS “dera problemas” e por tanto o seu cambio “estaba xustificado”.

“Non se lle deu máis relevancia nese momento. Agora hai outra sensibilidade, pero nese momento a todo o mundo lle pareceu ben e cumpriuse a normativa”, remarcou na sala que acolle a vista oral, na compostelá Ciudad da Cultura.

A exportación do risco para vixiar a velocidade en Angrois foi “normal” e conforme ao que se adoitaba facer" en tanto que “non houbo ningunha alerta de que esa curva era unha barbaridade”.

Ao seu parecer, á CIAF non lle pareceu necesario sinalizar a curva de Angrois porque se trataba dun cambio de velocidade que xa figuraba tanto no cadro de velocidades máximas do maquinista como no libro horario.

Por último, Parras, que agora está xubilado, ratificou a totalidade do informe realizado para a CIAF e no que se reduce a responsabilidade do accidente a un erro do maquinista, xusto a razón pola que tanto as vítimas como a Axencia Ferroviaria Europea tachan ese texto de parcial.

Precisamente respecto diso disto e ás preguntas dun avogado das vítimas, o comparecente puntualizou que os directores de Seguridade de Renfe e de Adif formaban parte da comisión de investigación.

Dous son os acusados nesta causa, o maquinista Francisco José Garzón Amo e, xunto a el, o exdirector de seguridade na circulación de Adif Andrés Cortabitarte. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade